Novamente a traxedia afectou á xente mariñeira. Sobre as 14:00 horas do día de onte, xoves 17 de xuño, o cerqueiro de Portosín « Sempre Güeto» envorcou con dez tripulantes a bordo a 2,2 millas de San Andrés de Teixido, preto de Cedeira, A Coruña, cando regresaban de faenar na costa do Cantábrico, oito mariñeiros foron rescatados con vida e outros dous pereceron no naufraxio.
Encomendamos hoxe á gran misericordia do bo Pai Deus as vidas destes fillos que pagaron coa súa vida o duro exercicio da nobre profesión das xentes da mar nestes tempos de crise.
Un recordo nas festas do Carmen de Portosín
Portosín canta todos os anos na festa da Virxe do Carmen, en memoria de todos os mariñeiros náufragos a «Salve Mariñeira» para pedirlle á Virxe a súa protección. E a continuación, os barcos, decorados, saen en procesión pola ría tras o barco que ten a honra de encabezar cada ano a imaxe da Virxe do Carmen. Este ano, coa «Salve Mariñeira» encomendaremos de novo a estes dous mariñeiros falecidos.
Unha vez máis pedimos para as súas familias a máxima protección social posible á vez que lembramos a toda a sociedade a dureza do traballo dos homes do Mar, con xornadas longas e difíciles, sempre coa incerteza do tempo, sempre coa angustia “dos golpes do mar”.
Contade coa oración de todo o Apostolado do Mar, coa dos seus responsables e coa de toda a Igrexa.
+ Mon. Luís Quinteiro Fiuza,
Bispo de Tui-Vigo e promotor «Stella maris» (Apostolado do Mar).
Subcomisión Episcopal para as Migracións e a Mobilidade humana.