1/10/2022

,

Santa Teresa del Niño Jesús
1/10/2022

,

Santa Teresa del Niño Jesús

Nota da delegación de Comunicación do bispado lembrando os requisitos para ser padriños no bautismo

Nota da delegación de Comunicación do bispado lembrando os requisitos para ser padriños no bautismo
Foto: Baptisterio de la iglesia de Nuestra Señora de la Cruz del Sur, en Brisbane (Australia) | © Centro Alleti

Ante a posible confusión creada por recentes noticias referidas á non admisión ao bautismo dalgún neno, especialmente pola falta de idoneidade do padriño ou a madriña, a Delegación de Comunicación do Bispado de Tui-Vigo, co ánimo de aclarar os criterios que deben mover aos pais cristiáns ao solicitar á Igrexa católica o bautismo dos seus fillos, lembra as principais normas establecidas no Código de Dereito Canónico (leis da Igrexa universal) sobre este sacramento. 

1.- O canon 872 di: “Na medida do posible, a quen vai a recibir o bautismo daráselle un padriño, coa función de asistir na súa iniciación cristiá ao adulto que se bautiza, e, xuntamente cos pais, presentar ao neno que vai recibir o bautismo e procurar que despois leve unha vida cristiá congruente co bautismo e cumpra fielmente as obrigas inherentes ao mesmo”.

Como se aprecia, o padriño e a madriña institúense como guías do novo bautizado, por cuxo crecemento espiritual —sexa adulto ou neno—, velarán coa palabra e o exemplo para que aprenda os fundamentos doutrinais e morais da vida cristiá. Quen asume o encargo de padriño nun bautizo asume unhas obrigacións graves co seu afillado. 

2.- Requisitos para ser padriños. O canon 873 di con claridade “Téñase un só padriño ou unha soa madriña, ou un e unha” e a continuación o canon 874 establece os requisitos para ser admitido como padriño: “Para que alguén sexa admitido como padriño, é necesario que:

1º. fose elixido por quen vai a bautizarse ou polos seus pais ou por quen ocupa o seu lugar ou, faltando estes, polo párroco ou ministro; e que teña capacidade para esta misión e intención de desempeñala;

2º. teña cumpridos os dezaseis anos, a non ser que o Bispo diocesano estableza outra idade, ou que, por causa xusta, o párroco ou o ministro consideren admisible unha excepción;

3º. sexa católico, estea confirmado, recibise xa o Santísimo Sacramento da Eucaristía e leve, ao mesmo tempo, unha vida coherente coa fe e coa misión que vai asumir;

4º. non estea afectado por unha pena canónica, lexitimamente imposta ou declarada;

5º. non sexa o pai ou a nai de quen se ha de bautizar”.

Comentario dos especialistas en vida pastoral

Quizais este asisado comentario, recollendo reflexións dos especialistas en vida pastoral e dereito, acerca dos canons citados e referidos aos padriños do bautismo, poida aportar luz a sacerdotes e fieis, para interpretar con criterio as noticias recentemente aparecidas nalgúns medios de comunicación.

Os especialistas en vida pastoral recomendan non admitir en absoluto como padriño ou madriña a un non católico e se se tratase de alguén que pertence a unha confesión cristiá pero non católica, admítase só como “testemuña” pero sempre acompañado dun padriño ou madriña católicos.

En último caso, será o párroco quen xulgue sobre o cumprimento dos requisitos do canon 874, aínda que xa deberan ser os pais católicos ben formados os que, antes de solicitar o bautismo na parroquia —e apartándose de só conveniencias sociais—,   elixan os padriños adecuados, evitando así conflitos innecesarios e sobre todo escollendo os mellores padriños para os seus fillos. O párroco debe ter en conta, á hora de apreciar o cumprimento dos requisitos, que o dereito para elixir padriños é do bautizando adulto, ou dos pais, se é neno. O párroco non pode establecer outros requisitos distintos dos previstos polo dereito da Igrexa, nin tampouco rexeitar a unha persoa que os cumpre. Pero á vez compételle a obriga de rexeitar ás persoas que non cumpran o previsto, polo ben do bautizando. Isto é especialmente importante no caso do requisito 3º. Ningún pai —ou ningún bautizando adulto— debe estrañarse de que o párroco rexeite un padriño que leva un estilo de vida incompatible coas ensinanzas da Igrexa católica, pois é obrigación do párroco actuar así.

Na práctica imponse, á hora de preparar un bautizo, que os pais falen previamente co párroco acerca do nomeamento dos padriños. Dese modo, se fose necesario, pódense, con tempo, solucionar os inconvenientes que xurdan. O párroco debe actuar coa necesaria fortaleza para rexeitar un padriño que podería causar escándalo entre os fieis —o feito de que determinadas condutas públicas e inmorais estean moi estendidas entre os fieis non fai que estes poidan ser admitidos como padriños—. É esa unha ocasión práctica de actuar como o bo pastor, que impide que as súas ovellas se deixen confundir. A fortaleza con que debe actuar débese exercer, naturalmente, con amabilidade e empregando o tempo que sexa necesario para explicar os motivos da súa actuación, pero nunca admitindo a alguén ao que non se pode admitir como padriño.

Seguramente, en moitos casos os párrocos —supoñendo que as normativas da Igrexa católica son ben coñecidas por todos—, nin preguntan aos pais acerca dalgunhas cousas elementais referidas aos principais sacramentos: como ultimamente os párrocos víronse na necesidade de pedir a certificación de bautismo para facer a primeira comuñón, pois algúns chegaban á catequese sen recibilo. Por iso é polo que esta delegación de comunicación en prol dunha “boa praxe pastoral” desexe difundir hoxe os criterios referidos ao bautismo e aos padriños do mesmo.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp