Tivo lugar en Santiago de Compostela, o 22 de setembro, a reunión ordinaria dos Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago, que comprende as Dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Ourense e Mondoñedo-Ferrol.
Os Bispos trataron diversas cuestións sobre o inicio do curso pastoral 2020-2021, nas circunstancias complexas que vivimos debido á pandemia do Covid19 e que afectan o traballo habitual nas parroquias, as escolas, as familias e o conxunto da sociedade.
Os Bispos, en continuidade coa súa recente Nota e segundo as indicacións da Congregación para o Culto Divino, animan aos fieis para volver á normalidade da vida cristiá participando na Misa dominical e festiva cunha presenza física, sempre que as circunstancias permitan facelo sen risco para a saúde. Lembran que a participación na Eucaristía é a fonte perenne e inesgotable da vida cristiá.
Queren aproveitar tamén a ocasión para agradecer o labor dos sacerdotes e dos voluntarios, e a cooperación de todos os fieis que, ao poñer en práctica as medidas de prevención, hixiénicas e organizativas previstas, fixeron dos templos, lugares seguros fronte ao contaxio do coronavirus.
Exhortan aos sacerdotes e colaboradores parroquiais, en particular, a que sigan cumprindo con responsabilidade os protocolos diocesanos e as recomendacións das autoridades sanitarias, para ben de todos os fieis que acoden ás nosas igrexas nestes tempos de pandemia.
Así mesmo chaman a todos os cristiáns a confiar no amor fiel de Deus, que non abandona nunca ao seu pobo no momento da proba, e a reavivar o don da caridade para poder estar á beira de todos, con xestos concretos de solidariedade e agarimo. Neste sentido, valoran o traballo das Cáritas diocesanas e de todos os servizos caritativos das parroquias e centros de atención aos necesitados, moi particularmente ás persoas soas e enfermas, así como aos nenos e ás familias vulnerables.
Os Bispos animan a todos a empezar o curso pastoral con coidado responsable e con esperanza, a exemplo de María, nai da Igrexa.
Santiago, 22 de setembro de 2020