Saúdos en Cristo resucitado,
A pandemia de coronavirus que estamos padecendo afecta a todos os ámbitos da vida, incluído o ámbito eclesial. Esta situación esixe unha acción pastoral que estea marcada pola prudencia, para evitar riscos innecesarios, e pola creatividade pastoral, para dar resposta aos retos que se nos presentan.
O inicio da Pascua marca a temporada forte da celebración das vodas e dos sacramentos da iniciación cristiá: bautismos, comuñóns e confirmacións. Por desgraza, nas circunstancias actuais, non todo o programado se poderá realizar cando estaba previsto nin como estaba previsto.
Os sacramentos son actos da Igrexa e expresión da vida da comunidade cristiá, pero tamén debemos ser conscientes que algúns teñen unha forte pegada social; por iso a incerteza na que vivimos suscita preocupacións e dúbidas en sacerdotes, familias e catequistas.
Desde a Vigairía de Pastoral ofrécense unhas orientacións comúns e algunhas indicacións específicas sobre os sacramentos, que deberán ser concretadas, posteriormente, para cada caso.
ORIENTACIÓNS COMÚNS
- A parroquia non pode establecer datas concretas mentres as autoridades civís e sanitarias non determinen como e cando remata o confinamento.
- Todos deberemos cumprir escrupulosamente coa normativa vixente en cada momento.
- Os párrocos deberán facer cumprir, na parte que lles corresponde, a normativa civil que afecte á esfera relixiosa. En especial o que poida referirse a número de persoas asistentes, maneira de constituír a asemblea (posible esixencia de separación das persoas…), participación (xestos que deben ser excluídos…) etc.
- Desde a Igrexa queremos colaborar a rebaixar o impacto social do COVID-19. Neste sentido facilitarase a solución a cada caso particular coa flexibilidade que a situación nos esixa. Non estamos en circunstancias “ordinarias” para esixir o que noutras ocasións pode ser razoable.
- O diálogo parece o camiño idóneo para atopar solución aos problemas que vaian xurdindo. É necesaria unha comunicación aberta entre todos: entre os sacerdotes do arciprestado buscando a unidade nos criterios de actuación; entre párrocos, catequistas e familias procurando o acordo respecto dos procesos a seguir e das posibles datas das celebracións.
BAUTISMOS
Datas: Falarán os párrocos e as familias se houbera que trasladar a data do bautismo.
Convén ter presente, sobre todo alí onde se fagan bautismos comunitarios, que se cumpra coa normativa se esta chegase a poñer un límite de asistentes.
Preparación: Se é posible manterase a formación preparatoria. Neste sentido son de utilidade os folletos explicativos, que se lles poden facer chegar á familia para este fin.
COMUÑÓNS
Datas: A comunicación entre as partes implicadas (familia e parroquia) parece o camiño correcto para, sen imposicións, resolver a situación de maneira satisfactoria para todos.
Nas parroquias onde as quendas de comuñóns son numerosas haberá que retrasar a data, ou ir individualizando as celebracións para evitar aglomeracións que poidan incumprir a normativa que estea en vigor nese momento.
Preparación: A actual situación obrigou a dar por rematada a catequese no seu formato habitual de reunión semanal na parroquia. Con todo, a formación dos nenos e nenas debe continuar, asumindo os país unha función que lles é propia: educar aos fillos na fe.
Se os nenos teñen o catecismo da Conferencia Episcopal Española Xesús é o Señor, poden ir lendo os temas, aprendendo algunhas das preguntas finais e rezando as oracións que aparecen no texto.
Os materiais didácticos dos Secretariados de Catequese de Galicia desenvolven un tema por semana, que ademais ven cunha carta explicativa para as familias.
En internet hai unha gran oferta de actividades catequéticas que se lles poden indicar aos pais. Por exemplo no apartado Recursos en : http://www.catequesisdegalicia.com/
En moitas parroquias existe un tempo de preparación intensiva antes da primeira comuñón; chegado o caso haberá que valorar de amplialo para suplir o que non se puido realizar ao longo do curso.
CONFIRMACIÓNS
Datas: Párroco, rapaces, familias e catequistas buscarán a época máis idónea para trasladar as confirmacións, que tamén se poderán celebrar conxuntamente no arciprestado.
Preparación: Os propios rapaces poden continuar na casa a súa formación catequética.
Se seguen algún dos catecismos (Testigos del Señor da CEE ou o YouCat) ou os materiais didácticos dos Secretariados de Catequese de Galicia ou algún outro libro de catequese, o catequista pódelle indicar algunhas tarefas a realizar para continuar formándose.
Na páxina de Catequese de Galicia tamén se ofrecen actividades para a confirmación.
VODAS
Datas: Neste caso entran en xogo factores non relixiosos que non podemos obviar: restaurantes, asistencia de invitados, etc. Por iso a parroquia e os noivos consensuarán a data da voda.
Preparación: A crise sanitaria obrigou a suspender as quendas de cursos prematrimoniais. Nesta situación excepcional a Delegación Diocesana de Familia e Vida ofrece un material de preparación on-line. Os noivos que queiran inscribirse poden contactar con José M. Cabo ou Rosa M. Cameselle: Teléfono: 646. 19.33.10. Correo electrónico: rcameselle@hotmail.com
Esta dolorosa situación que estamos a vivir esixe de todos nós algún sacrificio e moita comprensión; acompañemos ás familias, en especial a aquelas que máis sofren a causa da pandemia, mostrándolles a través das nosas palabras, xestos e actos o rostro maternal da Igrexa.
Vigairo de Pastoral
Podes descargar a nota completa pinchando eiquí