O martes 2 de xuño, as oficinas da Curia diocesana acolleron unha nova reunión do Consello de Arciprestes para potenciar a pastoral nas diferentes parroquias do territorio da diocese de Tui-Vigo e falar de novas formas de traballo e colaboración. O encontro estivo presidido polo bispo tudense, monseñor Antonio Valín, que, a comezos de ano, asinou os nomeamentos dos novos arciprestes por un tempo de catro anos.
Tal e como explica o Código de Dereito Canónico, o arcipreste ten, entre outras funcións, «o deber e o dereito de fomentar e coordinar a actividade pastoral no arciprestado; coidar de que os clérigos do seu distrito vivan de modo conforme o seu estado e cumpran dilixentemente os seus deberes; procurar que as funcións relixiosas se celebren segundo as prescricións da sacra liturxia; se coide dilixentemente o decoro e esplendor das igrexas e dos obxectos e ornamentos sacros, sobre todo na celebración eucarística e na custodia do santísimo Sacramento; se cumprimenten e garden convenientemente os libros parroquiais; se administren con dilixencia os bens eclesiásticos; e se conserve a casa parroquial coa debida dilixencia».

