No marco da festa do Bautismo de Xesús, o sábado 11 de xaneiro, na concatedral-basílica de Santa María, a diocese de Tui-Vigo deu a benvida aos nove adultos que, desde o pasado mes de outubro, fórmanse para recibir os sacramentos de iniciación cristiá —Bautismo, Eucaristía e Confirmación—. O bispo tudense, Mons. Antonio Valín, presidiu a eucaristía e o rito de entrada dos catecúmenos que, tras finalizar o proceso de formación, recibirán os sacramentos en Pascua.
Acompañados polos seus padriños e madriñas, estes nove homes e mulleres foron recibidos por Mons. Antonio Valín, na entrada do templo. Alí, en diálogo co bispo, os catecúmenos solicitaron á Igrexa a fe, que lles outorga a vida eterna, e os seus padriños afirmaron o seu compromiso de acompañalos no seu proceso de formación cristiá. Tras ese breve diálogo, o bispo de Tui-Vigo realizou o sinal da cruz na fronte de cada un dos candidatos, mentres pronunciaba as seguintes palabras: «Cristo mesmo fortalécete co sinal da súa vitoria. Aprende agora a coñecerlle e a seguirlle».
Unha vez proclamado o Evanxeo, durante a súa homilía, o prelado tudense dirixiuse aos catecúmenos: «hoxe toda a Igrexa, aquí reunida, reza por vós para que , no momento en que recibades o Bautismo e cada un dos sacramentos da iniciación cristiá, Deus encha co seu espírito o voso corazón, fágavos plenamente felices e, sobre todo, lévevos sempre a comprometervos coa realidade do mundo, especialmente cos máis vulnerables. Hoxe, é o primeiro día dunha chea de días preciosos e dun camiño estupendo. Aínda que vos cansedes, confiade. Aínda que non o vexades claro, confiade. Aínda que haxa dificultades, confiade. Nunca ides estar sós. Sodes fillos e fillas amados de Deus».
En outubro de 2024, a Vigairía de Pastoral comezou a articular e organizar o proceso catecumenal para todas aquelas persoas adultas que desexasen recibir os sacramentos de iniciación cristiá. Para iso, ofreceu un itinerario catequético que ten unha duración dun curso, coa perspectiva de administrar os sacramentos de iniciación cristiá ás persoas que así o soliciten en Pascua.
O 9 de novembro de 2023, o bispo emérito de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, decretaba a institución do catecumenado para as persoas adultas que pedisen ser incorporadas á Igrexa mediante os sacramentos de iniciación cristiá. A través da creación do Secretariado diocesano para o Catecumenado, a diocese de Tui-Vigo ofrece orientacións para axudar ás persoas interesadas neste proceso, a creación dunha «escola diocesana para o catecumenado» ou a elaboración dos documentos e materiais necesarios para este proceso, entre outros labores.