O pasado sábado, 22 de xaneiro, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo organizou un novo encontro do proxecto «Construíndo familia» que, nesta ocasión, estivo dirixido especialmente aos axentes de pastoral que colaboran nos diferentes cursos prematrimoniais da diocese para abordar con eles a situación actual deste ámbito que, como tantos outros, estivo marcado pola pandemia da Covid-19.
Durante a mañá, a delegación de Pastoral Familiar presentou os novos proxectos diocesanos que se desenvolverán ao longo dos próximos meses: as datas dos cursos prematrimoniais, o novo itinerario de formación para as parellas que se preparan para o matrimonio, ou as actividades da Semana da Familia que se celebrará no mes de febreiro, entre outras moitas. Con iso, a Pastoral Familiar de Tui-Vigo busca converterse nun lugar de encontro entre familias que acompañe, colabore e promova, salientando a importancia da parroquia como o campo de actuación no que están e viven as familias; creando unha rede de axentes que evite o illamento dos equipos que traballan neste ámbito para así continuar enriquecendo o traballo pastoral; e visibilizando unha tarefa que vai máis aló dos cursos prematrimoniais.
Entre os proxectos vindeiros, destaca a posta en marcha dun novo itinerario prematrimonial elaborado por colaboradores da diocese de Tui-Vigo, co que se pretende favorecer un momento de encontro e reflexión— espazado no tempo— que convide á participación activa e promova o traballo en parella. Ademais, o Vigairo de Pastoral, José Vidal Novoa, subliñou a necesidade de coidar o aspecto catecumenal deste novo itinerario, pero tamén a importancia de acoller e acompañar ás parellas que solicitan este sacramento. Tras a presentación, os participantes analizaron e achegaron novas propostas para a mellora do proxecto formativo que está previsto lanzarse a principios do mes de febreiro, xunto cos datas dos cursos prematrimoniais do 2022.
Os axentes tiveron a oportunidade de compartir a súa experiencia ao longo dos últimos meses e coñecer máis de preto as actividades previstas para este «Ano da Familia Amoris Laeititia», convocado polo papa Francisco, lembrando así os obxectivos e as iniciativas lanzadas polo Dicasterio de Laicos, Familia e Vida que levarán a cabo no ámbito diocesano. Para coñecer máis de preto as propostas, pódese visitar a web diocesana Ano Familia Amoris Laetitia.
Ano da Familia Amoris Laetitia
O 19 de marzo de 2021 comezou o Ano “Familia Amoris Laetitia”. O mesmo día en que a Igrexa celebra o 5º aniversario da publicación da exhortación apostólica Amoris Laetitia, un texto que o papa Francisco dedica á beleza e a alegría do amor familiar. Este ano dedicado especialmente á familia concluirá o 26 de xuño de 2022, no X Encontro Mundial das Familias en Roma co Santo Padre.