29 de Abril de 2025,
Santa Catalina de Siena

El alcalde salienta la “imprescindible” rehabilitación de la carroza del Cristo de la Victoria

El alcalde salienta la “imprescindible” rehabilitación de la carroza del Cristo de la Victoria

O Concello investiu 32.670 euros na recuperación integral desta “parte do patrimonio da cidade” que estaba moi deteriorada, segundo explicou o alcalde logo de coñecer o traballo realizado na estrutura externa e interna e que permitirá que a carroza estea “preparada para 150 anos máis”.

Abel Caballero realizou unha visita este martes á Basílica de Santa María para coñecer o traballo realizado no carro do Santísimo Cristo da Vitoria na que participaron o Bispo da Diocese Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiúza, o deán da Colexiata, a presidenta da Confraría do Santísimo Cristo da Vitoria, Marora Martín Caloto, e o secretario, Carlos Borrás.

O rexedor puxo en valor a restauración realizada, obra dun artesán de Lavadores e que era “imprescindible” e “urxentísima” dado o estado de deterioro no que se atopaba o carro, que comprometía a estabilidade do conxunto. Agora está “preparado para aguantar 150 anos máis”, engadiu.

O goberno municipal dedicou 32.670 euros á rehabilitación da carroza que é “parte do patrimonio da cidade”. Foi deseñada en 1953 para poder alongar o percorrido da procesión do Cristo e aliviar a carga dos costeleiros e, dende ese momento, pasou a ser un atractivo en si mesma.

Segundo explicou Caballero, o paso do tempo prexudicou a estrutura interna e externa do carro, as madeiras orixinais, que foran substituídas por piñeiro, estaban comidas e deterioradas, o armazón de ferro tiña óxido, as rodas eran inservibles e o sistema de freos estaba danado. O Concello financiou as actuacións realizadas: recuperación das madeiras nobres de castiñeiro, os adornos de prata e nácar substituíndo os inservibles, recuperando cores e dourados orixinais. Amais renovouse a estrutura metálica para dotar de estabilidade o carro, novas rodas e sistema de freado, novo sistema eléctrico…

Para o alcalde, Vigo é unha “cidade moi rica en patrimonio histórico e moi rica en arquitectura eclesiástica e queremos seguir apoiando á cidade”. A recuperación da carroza do Cristo forma parte do convenio asinado o ano pasado co Bispado para o mantemento, conservación, restauración, difusión e divulgación do patrimonio cultural de titularidade eclesiástica da cidade en virtude do cal están acometéndose actuacións nos adros das igrexas de Candeán e Santo Tomé de Freixeiro e no palco do adro de Santa Mariña de Cabral.

Fonte: xornal.vigo.org