O vindeiro sábado, 5 de marzo, o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Julián Barrio, impartirá a primeira das tres charlas coresmais que organiza Acción Católica Xeral (ACX) de Tui-Vigo, ás 10:30 horas no templo parroquial do Corazón de María, co obxectivo de axudar a todos os membros da diocese de Tui-Vigo a prepararse para o momento central da fe: a Semana Santa e a Pascua.
Os encargados de impartir o resto de charlas serán: Juan José González, sacerdote e delegado diocesano de Apostolado Segrar, o sábado 12 de abril; e Mons. Luís Quinteiro, bispo de Tui-Vigo, o sábado 2 de abril. Ambos encontros comezarán tamén ás 10:30 horas no templo parroquial do Corazón de María. As persoas que asistan dispoñerán de tempo para a reflexión persoal tras cada unha das charlas e terán a oportunidade de achegarse ao sacramento da Reconciliación. Os encontros finalizarán ás 12 horas coa celebración da eucaristía.
O tempo litúrxico da Coresma comeza coa celebración do Mércores de Cinza —este ano será o 2 de marzo, día no que se bendirá e impoñerá a cinza feita cos ramos de oliveira ou doutras árbores, bendicidos o ano anterior— e caracterízase por ser un tempo especial de penitencia e conversión. A Igrexa católica convida os fieis a intensificar a oración, o xaxún e a esmola, e a buscar momentos para achegarse ao sacramento da Reconciliación, coa vista posta na celebración da Semana Santa e a Pascua, actos centrais da fe cristiá.
Mons. Julián Barrio Barrio
D. Julián Barrio Barrio, nacido en 1946 en Manganeses de la Polvorosa, provincia de Zamora e Diocese de Astorga, preside a Igrexa Compostelá desde o día 25 de febreiro de 1996, por nomeamento do papa San Xoán Paulo II.
Ademais, o pasado mes de xaneiro, aceptou a invitación do bispo de Tui-Vigo para ser o pregoeiro da Semana Santa viguesa deste ano, cuxos actos se anunciarán o xoves 7 de abril.