23 de Marzo de 2025,
Santo Toribio de Mogrovejo

O arcebispo Rino Fisichella clausurará o Curso de Teoloxía para Sacerdotes

O arcebispo Rino Fisichella clausurará o Curso de Teoloxía para Sacerdotes

Aínda que a última hora terá que facerse vía  streaming, o arcebispo e presidente do Pontificio Consello para a Promoción da Nova  Evanxelización,  Mons.  Rino Fisichella, será o encargado de clausurar o Curso de Teoloxía para Sacerdotes, o vindeiro martes 20 de abril ás 11 horas da mañá, no salón de actos do Seminario Maior San Xosé de Vigo.

O relatorio, titulada «O uso pastoral do Directorio para a Catequese», abordará as claves necesarias para poñer en práctica as liñas de acción que recolle o Directorio para a Catequese que o pontificio consello presidido polo arcebispo Fisichella publicou o pasado ano. 

Con motivo da pandemia da Covid-19, a Santa Sé suspendeu as viaxes internacionais para todo o persoal ao seu servizo polo que a sesión formativa será retransmitida a través da canle de Youtube da Diocese de Tui-Vigo en aberto para todas as persoas interesadas.

Mons.  Rino Fisichella (Codogono – Italia, 1951) foi ordenado, en 1976, sacerdote para a Diocese de Roma da que se converteu en bispo auxiliar en 1998. Obtivo o doutoramento en Teoloxía en 1980 na Pontificia Universidade  Gregoriana, onde ensinou Teoloxía Fundamental desde 1981 ata 2001. Ao ano seguinte, foi nomeado Reitor Magnífico da Pontificia Universidade  Lateranense, cargo que exerceu durante oito anos. Desde o 2008 ao 2010 foi presidente da Pontificia Academia para a Vida.

Desde o 30 de xuño do 2010 é presidente do Pontificio Consello para a Promoción da Nova  Evanxelización. Ademais, foi consultor da Congregación para a Doutrina da Fe e da Congregación para a Causa dos Santos e colaborou na publicación da carta  encíclica  Fides  et Ratio. Na actualidade, tamén é membro do Pontificio Consello da Cultura, do Pontificio Consello para as Comunicacións Sociais e tamén do Comité Pontificio para os Congresos  Eucarísticos Internacionais. En 2013, asignóuselle a presidencia do Consello Internacional de Catequese.

Está considerado entre os máis autorizados  teólogos italianos a nivel internacional. Ata o momento é autor e  compilador dunha trintena de volumes traducidos en diversas linguas, e de numerosos artigos para revistas científicas e internacionais. No 2005 recibiu a medalla de ouro da Cultura de mans do Presidente da república italiana Carlo  Azeglio  Ciampi.