A delegación episcopal para a Semana Santa de Vigo acaba de anunciar que Mons. Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol, aceptou a invitación do bispo de Tui-Vigo para ser o pregoeiro que anuncie este ano os actos da Semana Santa viguesa. A lectura do pregón terá lugar na concatedral-basílica de Santa María, o luns 24 de marzo, ás 19.30 horas.
A elección do pregoeiro non foi fortuíta. O interese do bispo e os seus colaboradores por poñer en valor o sentido relixioso da Semana Santa da nosa cidade propicia a elección de persoas que contribúan coa súa autoridade a ese obxectivo, para dinamizar espiritualmente as manifestacións relixiosas nas parroquias do Concello vigués e impulsar as expresións de fe na semana principal do calendario cristián. Para iso, están a manterse diversas reunións de coordinación cos párrocos da cidade, así como con diversas confrarías e asociacións de fieis, a fin de canalizar adecuadamente eses propósitos.
Ademais da organización do pregón, a delegación para a Semana Santa de Vigo traballa na programación dos distintos actos que conforman esta imprescindible cita do calendario católico.
Sobre Mons. Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol
Fernando García Cadiñanos naceu en Burgos o 7 de maio de 1968. Estudou Teoloxía na Facultade de Teoloxía do Norte de España na súa sede de Burgos, onde obtivo o bacharel en Teoloxía e, posteriormente, a licenciatura en Teoloxía Dogmática. Foi ordenado presbítero o 26 de xuño de 1993 na igrexa do Carmen de Burgos. En 1997 foi enviado a Roma, onde obtén a licenciatura en Ciencias Sociais-Especialidade Doutrina e Ética sociais pola Universidade Gregoriana de Roma (ano 2000).
O 1 de xullo de 2021 foi nomeado bispo de Mondoñedo-Ferrol. A súa ordenación episcopal e toma de posesión como bispo diocesano tivo lugar o 4 de setembro de 2021 na Santa Iglesia Catedral Basílica de Mondoñedo.
En novembro de 2021 foi nomeado bispo responsable da Pastoral Penal, departamento da subcomisión episcopal de Acción Caritativa e Social da Conferencia Episcopal Española, responsabilidade que exerceu ata o mes de marzo de 2024, tras o seu nomeamento como bispo presidente da subcomisión episcopal para as Migracións e Mobilidade Humana.