Desde o pasado domingo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, bispo de Tui-Vigo, atópase en Roma con motivo da Visita ad limina, que os bispos da Igrexa católica adoitan facer cada cinco anos —a última foi no ano 2014— co obxectivo de venerar os sepulcros dos santos apóstolos Pedro e Pablo, e de ser recibidos polo Papa, ao que se presenta un informe sobre o estado de cada diocese. Ademais de peregrinar ás tumbas de San Pedro e San Pablo e de atoparse co Santo Pai, os bispos tamén visitarán algúns dicasterios.
O 13 de decembro celebrarase a eucaristía na Basílica Pontificia de San Pedro, o 14 de decembro na Basílica Pontificia de san Xoán de Letrán, o 15 de decembro na Basílica Pontificia de Santa María a Maior e o 17 de decembro na Basílica Pontificia de San Pablo extramuros.
Estes encontros son organizados pola Congregación para os Bispos, en coordinación coa Conferencia Episcopal Española e as provincias eclesiásticas.
As orixes históricas da Visita ad limina Apostolorum (expresión que significa “aos limiares – das basílicas – dos Apóstolos, San Pedro e San Pablo”), datan do século IV aínda que foi o Papa Sixto V en 1585 quen a institucionalizou e dispuxo de modo máis sistemático.