Onte, 17 de abril, Xoves Santo, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, acudiu ao templo parroquial de San Salvador de Teis para agradecer o labor de todos os costaleiros, confrades e voluntarios que, durante semanas, estiveron preparándose para procesionar coas imaxes do Nazareno e da Virxe das Dores. Neste breve acto, previo ao comezo da misa vespertina da Cea do Señor que celebraba a comunidade parroquial, tamén estiveron presentes o delegado episcopal da Semana Santa de Vigo, Carlos Borrás, e o responsable da área de goberno de Parques e Xardíns, Comercio e Festas Especiais do Concello de Vigo, Anxo Rivas.
Debido ás previsións meteorolóxicas destes días que ameazan choivas, os pasos da procesión do Noso Padre Xesús Nazareno non saíron ás rúas do distrito de Teis . A pesar diso, hoxe, os pasos permanecerán expostos no templo parroquial de San Salvador para quen desexe ter un momento de oración e contemplación.


O mércores, os responsables da diocese e da Semana Santa de Vigo anunciaron a suspensión das procesións na cidade olívica e convidaban a achegarse e contemplar os pasos procesionais que durante o Xoves e o Venres Santo, en horario de 16.00 a 21.00 horas, estarán expostos en catro puntos da cidade: o templo parroquial de Santiago de Vigo —Avenida García Barbón—; a concatedral-basílica de Santa María de Vigo; a igrexa de San Salvador —Camiño Real, en Teis —; e o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social de Vigo (CIIES) —en rúa Marqués de Valterra —.
Aínda que as procesións non salgan á rúa, organizáronse dous actos para axudar aos fieis para celebrar e profundar nos grandes acontecementos destes días. O Xoves Santo, está prevista unha «Oración no Horto das Oliveiras», para recrear os momentos previos de Xesús en Getsemaní, antes do seu prendemento. Hoxe, Venres Santo, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, predicará un solemne sermón, unha invitación orante a contemplar a morte do Señor. Ambos os actos, que serán na concatedral-basílica de Santa María ás 19.30 horas, serán harmonizados pola Asociación de Corais Polifónicas de Vigo (ACOPOVI).
