19 de Febreiro de 2026,
Beato Álvaro de Córdoba

O bispo de Tui-Vigo anima a “non perder nunca a esperanza” na clausura do Xubileo da Esperanza

O bispo de Tui-Vigo anima a “non perder nunca a esperanza” na clausura do Xubileo da Esperanza
Mons. Antonio Valín, obispo de Tui - Vigo
Mons. Antonio Valín, obispo de Tui - Vigo

A Catedral de Tui acolleu o pasado 28 de decembro, festa da Sagrada Familia, a celebración da clausura do Xubileo da Esperanza na diocese de Tui-Vigo. A Eucaristía foi presidida polo bispo, Mons. Antonio Valín Valdés, quen na súa homilía destacou o misterio da Encarnación como fundamento da esperanza cristiá.

A partir dos textos litúrxicos da festividade da Sagrada Familia, o bispo lembrou que “todo é un agasallo”, subliñando que Deus quixo facerse próximo, camiñar coa humanidade e compartir a súa historia. “Deus non veu salvarnos desde arriba, senón camiñando connosco”, afirmou, lembrando que en Xesús, Deus faise amigo do ser humano e introdúcese na fraxilidade da nosa vida cotiá.

Ao evocar a apertura do Xubileo hai un ano, Mons. Valín lembrou as palabras do papa Francisco: “a porta da esperanza abriuse de par a par para o mundo”, insistindo en que esa esperanza segue viva para cada persoa, mesmo no medio da escuridade, a incerteza ou as dificultades da vida. Neste sentido, puxo como exemplo á familia de Nazaret, que soubo confiar en Deus no medio das preocupacións diarias, a emigración forzada e o futuro incerto.

O bispo destacou tamén a chamada do Xubileo para recoñecernos como “peregrinos de esperanza”, convidando á comunidade cristiá a descubrir os signos de esperanza presentes no mundo e, ao mesmo tempo, a converterse en signos visibles e concretos de esperanza a través de palabras, xestos e iniciativas.

Aínda que con esta celebración clausurouse o Xubileo da Esperanza na nosa diocese, o bispo lembrou que “non se pecha nunca o corazón de Dios”, e convidou a continuar o camiño de fe con motivo do Xubileo do Centenario da Catedral de Tui, animando a todos a vivilo como unha nova oportunidade de compromiso cristián.