O mércores 4 de setembro, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín Valdés, asistiu ao último retiro para sacerdotes do verán no santuario da nosa Señora da Fanqueira. Durante a súa primeira visita ao santuario, o prelado tudense asinou no Libro de Ouro da Franqueira e, tras el, todos os presbíteros asistentes.
Durante a xornada, que finalizou cunha comida de confraternización, o vigairo para o Clero, José Diéguez Dieppa, tamén anunciou a programación do XXX Encontro de Formación Permanente do Clero en Galicia , froito dun traballo conxunto e coordinado entre as delegacións para o Clero das cinco dioceses galegas.
A Vigairía para o Clero organiza estes encontros co obxectivo de compartir un intre de oración e confraternización entre o clero diocesano durante os meses estivais de xullo, agosto e setembro. Ademais, cada ano, propón unha quenda de exercicios espirituais para presbíteros que, nesta ocasión, será do 10 ao 15 de novembro, no mosteiro de San Diego de Canedo, en Ponteareas, e dirixidos polo bispo emérito de Santander, Mons. Manuel Sánchez Monje.