O sábado 14 de setembro, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, administrou os sacramentos de iniciación cristiá —Bautismo, Eucaristía e Confirmación— a un adulto de 40 anos, Alan, no templo parroquial de Santa Baia de Alcabre. Uruguaio de nacemento e de familia mixta —nai anglicana e pai católico—, Alan foi acompañado polo grupo Hakuna en Madrid, onde reside coa súa muller, que é natural de Alcabre.
O 9 de novembro de 2023, o bispo emérito de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, decretaba a institución do catecumenado para as persoas adultas que pedisen ser incorporadas á Igrexa mediante os sacramentos de iniciación cristiá. A través da creación do Secretariado diocesano para o Catecumenado, a diocese de Tui-Vigo ofrece orientacións para axudar ás persoas interesadas neste proceso, a creación dunha «escola diocesana para o catecumenado» ou a elaboración dos documentos e materiais necesarios para este proceso, entre outros labores.