16 de Xuño de 2024

,

Juan Francisco de Regis
16 de Xuño de 2024

,

Juan Francisco de Regis

O bispo de Tui-Vigo celebra a santo Xulián en Guláns

O bispo de Tui-Vigo celebra a santo Xulián en Guláns

O domingo 7 de xaneiro, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a eucaristía no templo parroquial de San Xulián  de Guláns , con motivo da festa do santo, coñecida en toda a comarca do Tea polas súas tradicionais danzas do «rancho de reis», que acompañan á imaxe de santo Xulián durante o percorrido da procesión. O párroco de Guláns , Gonzalo Otero, destaca que «foi unha xornada histórica para a comunidade parroquial, xa que, por primeira vez na historia, un bispo diocesano preside esta festividade».

Durante a celebración, o prelado tudense puxo en valor esta tradición das «danzas de reis» que se remonta aos séculos XVII e XVIII e que, en Guláns , practicouse de maneira ininterrompida, asegura Belén Parodi, responsable do rancho de reis da parroquia. Na actualidade, 43 persoas de diferentes idades forman o rancho de reis de Guláns  que se encarga de iniciar a procesión coas súas tradicionais danzas no interior do templo. Belén Parodi tamén explica que «danzamos diferentes pezas con castañetas, arquillos, palitos e unha peza chamada Vestindo ao pao —que é un pau con varias cintas que imos bailando a ritmo de muñeira—», de forma particular aclara que dúas desas pezas «só se bailan na nosa parroquia o día do patrón para iniciar a saída da procesión: primeiro dentro do templo iniciamos a procesión con castañetas diante do santo e, acto seguido, con arquillos. Ademais, na procesión sempre bailamos de fronte ao santo, é dicir, sacamos a procesión bailando cara atrás».

Ao finalizar a eucaristía, diferentes colectivos da parroquia —a banda de música Unión de Guláns , que celebrou este ano o 150.º aniversario da súa fundación; a asociación Amigos do Pemento de Guláns ; e Rancho de Reis: Cantos e danzas— explicaron e mostraron ao bispo a súa misión e traballo, ofrecendo ademais diversos obsequios como recordo da festa de santo Xulián de Guláns .

Escoita a entrevista a Belén Parodi, responsable do rancho de reis de Guláns, a partir do minuto 6.10

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp