Por primeira vez, monseñor Antonio Valín, bispo de Tui-Vigo, presidiu a tradicional misa da Reconquista, na concatedral-basílica de Santa María, o venres 28 de marzo. A celebración contou coa presenza de distintas personalidades do goberno municipal, así como autoridades civís e militares. Ademais, a Coral Casabranca harmonizou a liturxia e interpretou o himno ao Santísimo Cristo da Vitoria, ao finalizar a eucaristía.
Durante a súa intervención, o prelado tudense puxo de manifesto que «hoxe queremos celebrar esa vida regalada por Deus en Cristo que nos fai abrir os ollos, que nos leva a recoñecer a nosa impotencia, pero ao mesmo tempo a nosa fortaleza posta nel». Nesta festa de acción de grazas ao Cristo da Vitoria, a quen a tradición outorga a liberación do pobo vigués, monseñor Antonio Valín expresou que «a cruz para nós é protección, é defensa, é confianza, é loita e perseveranza no amor. Por iso, lembrando a aqueles que se comprometeron pola xustiza e a paz, pola defensa de liberdade e da identidade desta festa, pero lembrando tamén a tantos homes e mulleres que seguen comprometéndose na realidade diaria, que fan da súa vida un canto de axuda aos demais, un compromiso coa realidade e unha transformación da inxustiza, unha vez máis, queremos dicir: Santísimo Cristo da Vitoria, o noso protector e pai, bendí ao teu pobo, sálvao, deféndeo. Prepárao coa túa graza para que persevere sempre no teu amor e poder cantar sempre xuntos e agradecidos: ceos e terra canten a gloria do Santísimo Cristo da Vitoria».
Esta celebración conmemora A Reconquista, alzamento popular que permitiu recuperar Vigo en 1809 da ocupación das tropas napoleónicas pola intercesión do Cristo da Vitoria. Para os exércitos de Napoleón, foi a primeira ocasión na historia en que debían retirarse dunha praza conquistada en Europa.

