Con motivo do Día da Igrexa Diocesana, que se celebra este domingo 8 de novembro, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín Valdés, convida a todos os bautizados a asumir a súa responsabilidade na vida da Igrexa. Baixo o lema «Deus conta contigo», lembra que cada persoa está chamada a contribuír á misión da comunidade cristiá desde as súas posibilidades e circunstancias. Por iso, anima a preguntarse que pode achegar cada un e a dar un paso concreto: anunciar a fe, acompañar á mocidade, atender os enfermos, colaborar na acción caritativa ou participar na liturxia, a formación e a organización da comunidade.
O bispo sinala que a vida das parroquias necesita a participación dos seus fieis e que a diocese está chamada a ser unha comunidade que acolle, escoita e sae ao encontro de quen busca sentido para as súas vidas. Tamén lembra que a fe ha de reflectirse na vida cotiá e traducirse nun compromiso cos demais. «O futuro da nosa diocese non depende só de grandes proxectos, programas ou estruturas. Depende, sobre todo, da resposta persoal de quen escoita a voz de Deus e atrévese a dicir: Aquí estou», afirma Mons. Valín.
«Deus conta contigo» é o lema da campaña do Día da Igrexa Diocesana, promovida polo Secretariado para o Sostemento da Igrexa da Conferencia Episcopal Española. A iniciativa convida a vivir o compromiso coa Igrexa desde a gratitude e a corresponsabilidade, lembrando que a vida das dioceses e as parroquias constrúese coa achega de todos os bautizados, cada un desde a súa vocación e estado de vida.