Acción Católica de Tui-Vigo organizou un ciclo de tres charlas coresmais durante os meses de marzo e abril.
O vindeiro sábado, 2 de abril, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, impartirá a terceira e última das tres charlas coresmais que organizou Acción Católica Xeral ( ACG) de Tui-Vigo, ás 10:30 horas no templo parroquial do Corazón de María, co obxectivo de axudar a todos os membros da diocese de Tui-Vigo a prepararse para o momento central da fe: a Semana Santa e a Pascua.
As persoas que asistan dispoñerán de tempo para a reflexión persoal tras cada unha das charlas e terán a oportunidade de achegarse ao sacramento da Reconciliación. Os encontros finalizarán ás 12 horas coa celebración da eucaristía.
Os encargados de impartir as dúas charlas anteriores durante este mes de marzo foron: o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Julián Barrio; e o sacerdote e delegado diocesano de Apostolado Segrar, Juan José González.
O tempo litúrxico da Coresma comezou coa celebración do Mércores de Cinza —día no que se bendí e impón a cinza feita cos ramos de oliveira ou doutras árbores, bendicidos o ano anterior— e caracterízase por ser un tempo especial de penitencia e conversión. A Igrexa católica convida os fieis a intensificar a oración, o xaxún e a esmola, e a buscar momentos para achegarse ao sacramento do Perdón, coa vista posta na celebración da Semana Santa e a Pascua, actos centrais da fe cristiá.