20 de Marzo de 2025,
San Martín de Braga

O bispo de Tui-Vigo coñece diversos proxectos e espazos de acción social

O bispo de Tui-Vigo coñece diversos proxectos e espazos de acción social

No seu desexo de coñecer as diferentes realidades pastorais da Igrexa diocesana, o pasado xoves 6 de febreiro, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, como pai caritativo de toda a comunidade cristiá no noso territorio e animador da acción caritativo social, dedicou unha intensa xornada a visitar diversos programas de Cáritas Diocesana e espazos de acción social.

Pola mañá, visitou catro proxectos de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo. Primeiro, acudiu á Axencia de Colocación, situada na rúa Chao de Vigo, onde leva a cabo a acollida de persoas en procura de emprego; alí, compartiu un café cos traballadores e a voluntaria que realizan a acción de acollida e os diversos procesos para a consecución dun emprego digno. A continuación, o prelado visitou a sede do proxecto téxtil, na nave de Gandarón , onde recibiu a explicación de todo o proceso, desde a recollida da roupa nos contedores ata a venda nas tendas, así como a atención dos participantes de Cáritas que reciben a roupa necesaria.

Para poder coñecer o proxecto CLARA, o prelado acudiu á zona de Santa Clara e visitou a vivenda destinada as familias monoparentais —mulleres e os seus fillos— que, de forma temporal, alóxanse neste fogar para realizar un novo proxecto vital e solucionar as súas dificultades. Finalizou a mañá no Centro de Atención de Día —CAD—, situado no cume da montaña de Sampaio de Lavadores e destinado á atención de menores, onde puido coñecer aos traballadores e percorrer as instalacións; ademais, xantou alí cos nenos.

Durante a mañá, o bispo, tamén, tivo a oportunidade de visitar a Misión do Silencio, na rúa Urzáiz. A responsable, Guadalupe Egido, explicoulle as orixes da fundación, así como as accións que se realizan. Mons. Antonio Valín visitou as instalacións interesándose polo seu funcionamento e polos usuarios.

Pola tarde, o prelado trasladouse ata a parroquia guardesa de Salcidos  para visitar a fundación «As Samaritanas». Carmen fíxolle  a visita guiada ás instalacións e relatou as accións realizadas ata a actualidade por parte desta entidade.

Durante a intensa xornada, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, puido coñecer non só os lugares, senón, sobre todo, puido dialogar coas persoas que desenvolven a actividade caritativo-social da diocese tudense.