O vindeiro domingo 13 de febreiro, Mans Unidas comezará a súa 63 campaña «Contra a fame», baixo o lema «A nosa indiferenza os condena ao esquecemento». Na nosa diocese, a delegación inaugurará a campaña cunha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, ás 20:30 horas do luns 14 de febreiro, no templo parroquial do Corazón de María de Vigo. Esta cita supón unha oportunidade para agradecer a todas as persoas que, durante o ano 2021, contribuíron á recadación de máis de 172 mil euros para o fondo nacional da organización da Igrexa católica en España, que se encarga da loita contra a pobreza que sofren os pobos máis excluídos do planeta.
Alcanzar esta cifra foi posible grazas á xenerosidade de particulares, empresas, asociacións, parroquias e ordes relixiosas presentes no territorio eclesial da diocese que deron un paso á fronte, deixando a súa indiferenza ao carón para tentar erradicar a fame no mundo. A maior achega realizárona os particulares —sumando preto de 115 mil euros—, seguida das 276 parroquias da diocese —con máis de 45,5 mil euros—, as ordes relixiosas —preto de 10 mil— e, finalmente, as empresas e asociacións —con pouco máis de 2 mil euros—.
O diñeiro recadado irá parar ao fondo de Mans Unidas España, desde onde se repartirá entre máis de 500 proxectos que a organización promove en 53 países de África, América e Asia —segundo os datos do 2020—. Por exemplo, na localidade de Rumbek —Sudán do sur—, púxose en marcha un proxecto de sensibilización da sociedade en dereitos para favorecer a transformación social, do que se beneficiaron directamente 770 persoas —de maneira indirecta, os beneficiarvos foron 600.000— . A iniciativa foi promovida por Radio Good News, unha emisora diocesana cunha audiencia estimada de 1,2 millóns de persoas, que solicitou a colaboración de Mans Unidas para producir e emitir durante un ano programas radiofónicos dedicados a concienciar á poboación sobre a necesidade de abandonar as armas e difundir a idea da xustiza e o acatamento das leis, así como advertir achega do problema dos matrimonios forzosos temperáns, que interrompen a educación das nenas.
Mans Unidas é a organización da Igrexa católica en España para a loita contra a pobreza que sofren os pobos máis excluídos do planeta, co obxectivo de recoñecer a realidade para transformala, erradicando a desigualdade que alimenta a fame. Para esta 63° campaña «Contra a fame», a organización escolleu o lema «A nosa indiferenza condénaos ao esquecemento» para espertar conciencias anestesiadas porque non é posible construír un mundo diferente con xente indiferente. Durante o ano 2020, conseguiu apoiar directamente a preto de 2,5 millóns de persoas, gracias aos 6.344 voluntarios e aos 71.159 socios que, xunto con outras institucións do sector público e privado, colaboraron na recadación de máis de 48 millóns de euros.