19 de Abril de 2025,
San León IX

O bispo de Tui-Vigo lembra que a Semana Santa «é o momento de comprometerse coa realidade»

O bispo de Tui-Vigo lembra que a Semana Santa «é o momento de comprometerse coa realidade»
FOTO.- Mons. Antonio Valín, obispo de Tui-Vigo | © Diocese de Tui-Vigo

Con motivo da celebración da Semana Santa 2025, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, publicou unha mensaxe no que lembra que «este é o momento de comprometerse coa realidade concreta que nos rodea, porque sempre hai esperanza, aquela que vén do Resucitado». Así, subliña o prelado, «todo o que contemplamos na Semana Santa lévanos a situarnos persoalmente ante Deus, ante os irmáns e ante nós mesmos. É o momento de deixar de fuxir ante o que sucede no mundo ou de ser meros espectadores que miran con indiferenza o paso dos acontecementos e dores da historia».

«Contemplando para vivir» é o título desta mensaxe que convida os fieis a percorrer cunha mirada orante e contemplativa os últimos momentos da vida de Cristo, porque «nos achegamos, nos días da Semana Santa, ao sufrimento dun Inocente, Xesús de Nazaret, que nos lembra que hai unha vida nova que se nos regala e cara a ela imos todos. A Semana Santa preséntanos a dor da humanidade, a morte inxusta do inocente e a esperanza da fe cristiá».

As celebracións litúrxicas da Semana Santa rememoran a paixón, morte e resurrección do noso Señor Xesucristo, corazón da fe. Durante o Triduo Pascual, o bispo tudense presidirá estas celebracións, de maneira alterna, nas cidades de Vigo e de Tui: o xoves, ás 19.30 horas, na catedral; o venres, ás 18.00 horas, e o sábado, ás 22.00 horas na concatedral viguesa. Finalmente, o Domingo de Pascua, ás 12.00 horas, presidirá a eucaristía na catedral de Santa María de Tui.