Con motivo da celebración do santo patrón da diocese de Tui-Vigo, da cidade tudense e dos navegantes, Pedro González Telmo, o bispo de Tui-Vigo presidirá a eucaristía na catedral de Tui, o vindeiro luns, 25 de abril, ás 11 horas, que comezará coa procesión das reliquias.
Desde o pasado domingo, a cidade de Tui celebra as festas ao seu patrón co rezo do rosario e da novena todos os días ás 19:30 horas. Durante esta fin de semana, o vigairo de Pastoral de Tui-Vigo, José Vidal Novoa, predicará o triduo, previo á solemnidade do santo patrón, ás oito da tarde na catedral tudense.
O luns, día propio da festa, haberá misas desde as 8 ás 10 horas. A misa solemne presidida polo bispo será ás 11 horas. Pola tarde, haberá unha homenaxe aos confrades falecidos durante todo o ano ás 19 horas, na igrexa de San Telmo, coa banda da Brilat. Finalmente, ás 21 horas, o bispo asistirá á procesión que finalizase coa ofrenda floral a san Telmo na Praza de San Fernando.