18 de Marzo de 2025,
San Cirilo de Jerusalén,

O bispo de Tui-Vigo presidiu a eucaristía na residencia sacerdotal

O bispo de Tui-Vigo presidiu a eucaristía na residencia sacerdotal

O bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu, o pasado mércores 5 de febreiro, a eucaristía na capela da residencia sacerdotal «Nosa Señora da Guía», acompañado polo bispo emérito, Mons. Luís Quinteiro. Así, para mostrar a súa proximidade cos sacerdotes maiores e coñecelos, tras a celebración eucarística, houbo unha comida de confraternización no comedor da residencia.

Ao longo do seu pontificado, o papa Francisco manifestou a importancia de coidar e atender as persoas maiores e enfermas; un acompañamento que tamén ha de trasladarse ao clero. No ano 2021, nunha carta enviada aos sacerdotes anciáns e enfermos de Lombardía, o santo padre afirmou que «están a vivir unha estación, a vellez, que non é unha enfermidade senón o privilexio de asemellarse a Xesús que sofre e levar a cruz precisamente como El»; os sacerdotes anciáns, aseguraba o papa, son «portadores de soños cargados de memoria e, por tanto, moi importantes para as xeracións máis novas».