20 de Marzo de 2025,
San Martín de Braga

O bispo emérito, confrade de honra da confraría do Nazareno de Teis

O bispo emérito, confrade de honra da confraría do Nazareno de Teis
FOTO.- De izq. a drcha.: El párroco, Ramón Lera; el obispo emérito, Mons. Luis Quinteiro; y la presidenta de la cofradía, Matilde Garrido | © Diocese de Tui-Vigo

Coincidindo co día das tres grazas na parroquia de San Salvador de Teis, o venres 7 de marzo, ás 19.30 horas, a confraría de Xesús Nazareno e da Santísima Virxe das Dores nomeou confrade de honra ao bispo emérito, monseñor Luís Quinteiro Fiuza. A eucaristía, á que asistiron numerosos devotos e confrades, estivo presidida polo párroco Ramón Lera Alonso.

Durante a celebración, o párroco lembrou a importancia de «sentirnos necesitados de Dios», especialmente agora que xa comezou a Coresma, un tempo marcado pola oración, o xaxún e a esmola. Ese día das «tres grazas», convidou os fieis nos só a pedir a intercesión do Nazareno, senón a agradecer tamén todo cuanto concede, pero de forma especial a dar grazas polo agasallo da vida.

Ao finalizar a eucaristía, a presidenta da confraría de Xesús Nazareno e a Santísima Virxe das Dores de Teis, Matilde Garrido, leu a acta da reunión na que se decretou conceder o título de confrade de honra ao bispo emérito. O párroco, Ramón Lera, impuxo a medalla da confraría a monseñor Luís Quinteiro, que expresou o seu agradecemento a toda a comunidade parroquial: «o voso agarimo cara a min, mostra que sodes unha parroquia entregada, na que todos dades permanentemente unha visión de xenerosidade, de entrega… Sei do esforzo que facedes cada día para que haxa unha man que atenda a tanta xente que acode a refuxiarse convosco. Esta é unha parroquia na que hai lugar para todos e que vai axudar a renovar a Semana Santa de Vigo».

A confraría de Xesús Nazareno e da Santísima Virxe das Dores nace en 2006 e é unha parte fundamental da Semana Santa viguesa, xa que todos os anos organizan, durante o Xoves Santo, a procesión do noso Padre Xesús Nazareno no distrito de Teis. A imaxe da Dolorosa que se conserva na igrexa de San Salvador en Teis non está datada por falta de rexistro, con todo, o Nazareno regalouno en 1812, o párroco daquel entón, don Agapito.