19 de Abril de 2025,
San León IX

O bispo emérito convida a acoller a Xesús, «peregrino cargado de amor e esperanza»

O bispo emérito convida a acoller a Xesús, «peregrino cargado de amor e esperanza»
FOTO.- La capilla de las Reliquias de la catedral acogió la lectura del pregón | © Diocese Tui-Vigo

Durante a lectura do pregón da Semana Santa tudense, que tivo lugar na capela das Reliquias da catedral de Santa María, o domingo 6 de abril, o bispo emérito da diocese de Tui-Vigo, monseñor Luís Quinteiro, convidou os fieis da cidade do Miño a acoller a Deus que, «nos grandes misterios da vida de Xesucristo, vén ao noso encontro como un peregrino cargado de amor e de esperanza». O acto, co que se inaugurou a programación prevista para a semana grande da fe católica, contou coa presenza de diversas autoridades eclesiásticas, civís e militares, así como , por primeira vez, o noso bispo  don Antonio Valín Valdés.

Durante a súa intervención, monseñor Luís Quinteiro realizou un percorrido pola historia da cidade e a catedral de Tui, destacando a súa vinculación, primeiro, coa Igrexa do norte de Portugal  e, posteriormente coa arquidiocese de Santiago. Así mesmo, subliñou a importancia da peregrinación á tumba do Apóstolo, como núcleo común entre ambas as dioceses, a tudense e a compostelá: «Tui e Santiago están unidas pola historia, a fe e o Camiño. Tui, cidade fronteiriza, fortaleza episcopal e punto de entrada de peregrinos  desde Portugal; Santiago, meta gloriosa do Camiño, corazón espiritual de Galicia e referente esencial da historia de España desde a Idade Media».

O prelado presentou a peregrinación a Santiago como un reto para as diferentes igrexas polas que pasa o Camiño de Santiago que «teñen un reto transcendental: dar vigor espiritual á peregrinación. Aquí está para min unha gran oportunidade desta Igrexa diocesana. O mundo de súpeto contraeuse, ofrecéndonos oportunidades de presenza impensables. Ás nosas casas, á nosa catedral, chegan os hóspedes máis afastados e inesperados; con eles temos que repensar o mundo e a fe, creando encontros cargados de riqueza e creatividade».

A Semana Santa, como o Camiño de Santiago, é unha peregrinación que ha de conducir aos cristiáns a recoñecer o misterio da salvación dun Deus encarnado que abraza a dor do mundo. Así, con este paralelismo, entre a Semana Santa e a peregrinación, monseñor Luís Quinteiro finalizaba a súa intervención exhortando á participación activa nas diferentes celebracións dos próximos días: «cando as portas do corazón se abran ao paso do Cristo Nazareno, cando as rúas de Tui agarden os pasos e os cirios, cando a catedral, silenciosa e orante, se prepare  para contemplar de novo o drama da cruz e o milagre da resurrección, convido  a todos os tudenses a vivir este tempo singular da Semana Santa, porque quen acompaña ao Señor na súa Paixón, descubrirá ao final do camiño o resplandor sereno da resurrección».

Tras a alocución deste pregón da Semana Santa, a alumna Anna Valentina Ramalho e o profesor Rubén López do Conservatorio Municipal de Música de Tui ofreceron un pequeno concerto de piano.

A celebración deste acto de lectura do pregón da Semana Santa é unha iniciativa da asociación «Amigos da Catedral de Tui», en colaboración co cabido catedral de Tui a Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia e o concello de Tui. Desde o ano 2012, realízase este acto para a promoción do valores espirituais e culturais das celebracións da Semana Santa tudense que teñen unha historia de séculos e contan con singulares tradicións de alto valor como parte do noso patrimonio inmaterial.