A diocese de Tui-Vigo conmemorará a festa na honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, cunha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo e promotor de Stella Maris en España, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, no templo parroquial da nosa Señora do Carme en Vigo, ás 20 horas do venres 16 de xullo.
Desde o pasado día 7 de xullo, a parroquia da nosa Señora do Carme en Vigo está a celebrar a novena na honra a súa patroa durante as misas das 9 hrs., 12 hrs. e 20 hrs. Esta tarde, mércores, terá lugar a ofrenda floral á Virxe e, mañá, xoves, haberá imposición do escapulario —un signo de devoción mariana que se fundamenta na consagración á Virxe—.
O venres 16, ampliarase o horario de misas con eucaristía ás 9 hrs, 11 hrs, 12 hrs, 18:30 hrs e 20 hrs. Esta última será presidida polo bispo de Tui-Vigo e ao finalizar a virxe do Carme procesionará no interior do templo, mentres os fieis permanecen nos seus respectivos asentos para cumprir coas recomendacións da Vigairía de Pastoral para os lugares de culto.
A festa da Virxe do Carme coincide cada ano co Día das xentes do mar e, con tal motivo, Mons. Luís Quinteiro como bispo promotor de Stella Maris, lembra na súa mensaxe para a xornada que “Nosa Señora, a Virxe do Carme, a nosa Patroa, a Stella Maris, seguiranos coidando co agarimo da Nai que nos quere ver como unha familia que sabe que na unión está a súa forza”.
Esta celebración que terá lugar o venres convive coa Ofrenda do Mar de Panxón na que se rende homenaxe a todas as persoas vinculadas coa mar. Desde o século pasado, a diocese de Tui-Vigo foi pioneira no traballo de acompañamento e protección ás xentes do mar a través da delegación de Apostolado do Mar e o Centro Stella Maris de Atención ao Mariño cuxa dirección asumiu Elvira Larriba Leira o pasado mes de febreiro para continuar potenciando e consolidando o labor realizado polas súas antecesoras.