O vindeiro luns, 12 de abril, ás 11 da mañá, o bispo de Tui-Vigo Luís Quinteiro presidirá a misa na catedral tudense, que será retransmitida a través da canle de Youtube da Diocese. A tradicional procesión da Coronilla coa reliquia do santo queda suspendida ao non poderen realizarse actos de culto no exterior do templo. No seu lugar, rezarase unha estación diante do monumento coas reliquias de san Telmo e outros santos que se albergan no coñecido como «retablo das reliquias» —situado na nave dereita do altar—.
Do mesmo xeito que a procesión da Coronilla, os confrades tampouco poderán procesionar, como era habitual, coa imaxe de san Telmo tras a eucaristía das 20:30 horas da tarde, que será presidida polo prior da confraría, Santiago Freire.
O pasado domingo de Resurrección, a confraría de san Telmo inaugurou unha novena en honra a san Telmo que finalizará o vindeiro luns 12 de abril, festividade do patrón, coa celebración de varias eucaristías ao longo do día (09:30, 11 e 20:30 horas).
O triduo, que se celebrará os días 9, 10 e 11 de abril, será predicado polo sacerdote diocesano e delegado episcopal de Apostolado Segrar Juan José González.
San Telmo foi un relixioso dominico fortemente vinculado á corte de Fernando III «O Santo» que chega a Tui a mediados do século XIII cunha nova relixiosidade máis próxima ao pobo, aos que sofren. Nunha entrevista publicada hoxe no Espello de Tui-Vigo en COPE, Ramón Fernández, vicesecretario da confraría de san Telmo, explicou que, «durante a súa estancia na cidade, san Telmo faise moi coñecido e querido polos tudenses, que ao falecer comezan a veneralo e santificalo, converténdoo nun santo popular xa que é o propio pobo quen o santifica».