Con motivo da festa de santo Tomás de Aquino, que a Igrexa celebra o 28 de xaneiro, o Centro Teolóxico «San Xosé» de Vigo organizou unha seria de actos para conmemorar ao patrón dos teólogos. Ás 12 horas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a eucaristía na capela do Seminario Maior, seguida posteriormente do acto académico co relatorio «A oración apostólica na vida do presbítero».
Durante a eucaristía, Mons. Luís Quinteiro destacou o exemplo de santo Tomás de Aquino, como un home que «cree na capacidade da intelixencia para entender e achegarse á Verdade, que, cando se identifica con Cristo, cambia a vida do home». Neste sentido, lembrou que a Igrexa ten que estar no ámbito da discusión filosófica do noso tempo, «pero, no mundo de hoxe, estamos chamados a ser testemuñas fieis de Xesucristo, redentor. A figura de santo Tomás continúa sendo actual porque nos convida a renovar a nosa convicción de que a verdade na vida é posible e, desde a fe, esta verdade encárnase en Xesucristo».
O doutor en Teoloxía e profesor da Universidade Pontificia de Comillas, Ángel Cordovilla, impartiu o relatorio «A oración apostólica na vida do presbítero», no salón de actos de Seminario, unha vez finalizada a celebración eucarística. Durante a súa intervención, o profesor Cordovilla departiu acerca da oración como «unha relación con Deus e nese sentido, o ser do home dirixiu cara a Deus, posto diante de Deus en reverencia de amor» e, tamén, da dobre perspectiva da oración na vida do sacerdote «a oración para cultivo da súa propia espiritualidade e vida cristiá e a oración como unha forma de exercicio do seu ministerio».
O Centro Teolóxico «San Xosé» de Vigo nace ao amparo do Seminario Maior no curso 1999-2000, como centro afiliado á Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca. A súa principal tarefa consiste en formar academicamente a quen se prepara para o ministerio pastoral, ofrecendo formación permanente para presbíteros e segrares.