O vindeiro martes, día 29 de marzo, unha vez terminada a celebración eucarística das 19 horas, o “Coro Clásico de Vigo”, que dirixe Joaquín Carvajal Baños, abrirá o ciclo de música sacra, que na coresma e proximidade da semana santa organiza a parroquia viguesa da Soidade (O Castro). O sábado día 2 de abril completan o ciclo musical a Coral Polifónica Amadeus que dirixida por Norma Urive cantará a misa e a continuación ofrecerá un breve concerto, tras o cal intervirá a Coral Apóstolo Santiago (Rimas Zdanavicius).
O obxectivo deste ciclo, ademais de apoiar o gozo de retomar a volta á case normalidade das agrupacións corais, é levar a cabo nas actuais circunstancias unha homenaxe, e mesmo unha oración de solidariedade e consolo, a tantas vítimas da dor e do sufrimento: as vítimas e familiares do naufraxio do pesqueiro “Villa de Pitantxo”, engadíndose a esta horrible traxedia, aínda máis dor pola recente angustia de tantas familias afectadas pola invasión e a guerra de Ucraína… É a paixón de Cristo actualizada en tantos doentes. Contemplar as dores da paixón de Cristo actualizada nos seres humanos que sofren, sobre todo os máis inocentes, e unirse a eles solidariamente, pode ser un modo novo de entender a música sacra da Semana santa, a tolemia da Cruz, a Redención cristiá e ata a fraternidade universal…
O primeiro dos concertos está dividido en dous partes. A primeira, “a capella”, recolle escenas e personaxes da paixón de Cristo: que nos levan en obras de T. Luís de Vitoria, desde o Pueri Hebreorum do domingo de Ramos, á traizón de Xudas, pésimo negociante, oíndo as lamentacións de Xeremías que nos levan xunto a María Dolorosa ao pé da Cruz (Stabat Mater de Kodaly) pero logo enche de alegría despois da Resurrección do seu Fillo (Regina coeli laetare).
A segunda parte do concerto, con acompañamento de teclado, achega a pezas corais pertencentes a distintos séculos e ofrécense en orde cronolóxica para que poida apreciarse a evolución dos estilos musicais no tempo. Tras obras sacras soadas, como a Cantata 147 de Bach, Panis Angélicus de Frank ou o Cantique de Jean Racine de Fauré e o Ave María de J. Busto, chegará ao final o concerto, con dúas obras dedicadas á paz, tristemente hoxe tan necesaria como sempre. Un berro coral, máis que canto, ecoará en Across the bridge (J. Sandsstrom): “Dispersade as sementes da paz sobre a terra” e o Da pacem (D. Paulstich).