O CLUB FARO DE VIGO organiza este mércores 16 de setembro ás 20:00hrs., no salón de actos do Marco (C/ Príncipe 54), unha conferencia-coloquio co xornalista e escritor Valentín Carrera, quen presentará o libro ‘‘El mundo desde abajo. La odisea australiana de Rosendo Salvado‘‘ (Folch&Folch Ed.). Este libro sobre Frei Rosendo Salvado outorgoulle ao xornalista berciano o Primeiro Premio Altaïr de Literatura de Viaxes. Mons. D. Luis Quinteiro Fiuza, bispo emérito de Tui – Vigo, presentará e participará no coloquio con Valentín Carrera.
“El mundo desde abajo. La odisea australiana de Rosendo Salvado” relata a viaxe iniciática do misioneiro benedictino galego desde Roma ata Australia Occidental, onde en 1846 funda a misión de New Norcia, que perdura ata os nosos días. Rosendo foi organista, pianista, contemporáneo de Liszt; navegante dos mares Mediterráneo, Atlántico e Índico, cuxa vida atravesa todo o século XIX; amigo dos yued e os noongar, defensor dos dereitos humanos e da igualdade da muller; abolicionista da escravitude, como o seu contemporáneo David Livingstone; un humanista ilustrado que anticipa en dous séculos a globalización.
Nestas páxinas, Valentín Carrera viaxa con Salvado: cruza con el os océanos a bordo da fragata Elizabeth, percorre os seus pasos, afeccións e obsesións; e métese na pel do misioneiro para construír este texto único, que alén de ser un exercicio literario sorprendente, é tamén un exemplo do que significa viaxar cunha mirada crítica e sensible: un acto de empatía e reflexión que nos invita a comprender o mundo —ancho e alleo— e de volta, entender mellor a nosa propia realidade.
NOTA: Acceso preferente para subscritores e libre ata completar capacidade.