O cóengo e director do Museo da Catedral tudense, Santiago M. Vega López, será o encargado de pronunciar o pregón da Semana Santa de Tui o vindeiro domingo 3 de abril ás 18 horas na Capela das Reliquias da catedral.
Recupérase así este acto, que organiza a Asociación “Amigos da Catedral de Tui”, e que abre as celebracións da Semana Santa tudense, en suspenso estes dous últimos anos debido ás limitacións establecidas pola pandemia da Covid.
Ademais da lectura do Pregón Semana Santa 2022 o acto completarase cun momento musical polo dúo de guitarras formado por Pablo Ameijeiras López e Gabriel Silvera Marcoff e, para finalizar, coa intervención do Sr. Bispo de Tui – Vigo, D. Luís Quinteiro Fiuza.
Na organización destes actos cóntase coa colaboración do Cabildo Catedral de Tui, a Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia e o Concello de Tui.
Santiago M. Vega López (A Rúa – Ourense 1969) vive desde os oito anos coa súa familia en Vigo. En 1982 incorpórase ao Seminario de Tui e en 1988 ao de Vigo onde estudou Filosofía e Teoloxía. En 1995 foi ordenado presbítero e o seu primeiro destino será vicario de Santo Tomei de Freixeiro e capelán do hospital Povisa. En 1996 destínano á zona de Tomiño e en 2000 a diferentes parroquias do Miñor. A iso únese en 2006 a actividade de Vicerreitor do Seminario Maior “San José”. Desde 2014 atópase na nosa Señora do Rocío en Coia-Vigo.
Estudou a carreira de Belas Artes, é Master en Patrimonio Cultural da Igrexa e tamén de Museoloxía, realizou labores de comisariado en exposicións diocesanas de Arte Sacra (FIERI e MAGNIFICAT) e exposto as súas fotografías tanto individual como colectivamente. Desde 2017 é director do Museo catedralicio de Tui.