O martes 8 de febreiro, ás 20 horas, no templo parroquial do Sagrado Corazón de Xesús, durante a eucaristía coa que Mans Unidas inaugurou a súa 64.º campaña «Contra a fame», o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, exhortou aos fieis a non caer na tentación de crer que é imposible solucionar o problema da fame no mundo porque, tal e como expresa o lema da campaña deste ano «Frear a desigualdade está nas túas mans», «cando un só únese a todos —explicou durante a súa intervención—, todos uníndose nunha dirección fan moito».
O prelado de Tui-Vigo instou aos congregados na eucaristía para espertar o seu compromiso como cristiáns para apoiar e potenciar o labor que Mans Unidas leva a cabo no mundo a través, fundamentalmente, de voluntarios, persoas que se comprometen coa misión desta organización da Igrexa católica en España para a loita contra a pobreza que sofren os pobos máis excluídos do planeta. Grazas a ese labor desinteresado dos seus voluntarios, a delegación de Mans Unidas, tal e como expresou Mons. Luís Quinteiro, «loita, traballa, cada día, para que nós tomemos conciencia de que podemos contribuír a solucionar a maior inxustiza do mundo: o problema da fame».
Este ano, para poder levar a cabo esta tarefa de concienciación, a delegación de Mans Unidas da diocese de Tui-Vigo contou coa colaboración da misioneira camerunesa Virginie Tchuindjqng, da congregación das Misioneiras Cruzadas da Igrexa, que, durante luns e martes, explicou ante mozos e adultos cal é o labor que Mans Unidas desenvolve nun país como Camerún, que ela coñece de primeira man. A irmá Virginie ofreceu unha nova charla aberta ao público tras a eucaristía de inauguración da campaña.
Este domingo 12 de febreiro, a Igrexa en España celebra esta campaña «Contra a fame» que organiza Mans Unidas, o que significa que todo o recadado nas colectas dominicais desta fin de semana serán destinadas aos 454 proxectos de desenvolvemento que esta institución caritativa promove en 51 países de África, América e Asia —isto supón unha axuda directa a 1.524.954 persoas—.