9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

O Cristo da Vitoria convida a Vigo a abrir os brazos á esperanza

O Cristo da Vitoria convida a Vigo a abrir os brazos á esperanza
FOTO.- El obispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidió la eucaristía solemne en honor al Cristo de la Victoria. | © Diocese de Tui-Vigo

O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu este domingo a eucaristía solemne en honra ao Santísimo Cristo da Vitoria, unha das celebracións relixiosas máis multitudinarias e arraigadas de Vigo. A concatedral-basílica de Santa María volveu quedar pequena para acoller aos milleiros de devotos que participaron na festa grande do Cristo, nunha celebración marcada pola oración, a emoción e a esperanza.

A celebración do día grande comezou xa na noite do sábado. Ao termo da novena predicada polo arcebispo-bispo emérito de Urgell, monseñor Joan Enric Vives, a venerada imaxe do Cristo descendeu desde o altar maior da concatedral-basílica de Santa María para quedar ao alcance dos fieis. Marián Mouriño, presidenta do RC Celta e pregoeira deste ano, depositou aos pés do Cristo unha camiseta do RC Celta co dorsal 26, confiando simbolicamente a nova tempada á súa protección. Tras este emotivo xesto, centos de fieis achegáronse a venerar a imaxe nun clima de silencio, oración e recollemento, preparando así a celebración dunha das devocións máis profundas e queridas polos vigueses.

Desde primeira hora, numerosos devotos volveron encher o templo para participar nalgunha das eucaristías que, desde as 07.00 horas, se celebraron antes da misa solemne presidida por monseñor Antonio Valín. Na celebración presidida polo prelado tudense, participaron diversas autoridades civís e militares, así como un gran número de confrades e devotos do Cristo que cada ano renova unha tradición centenaria profundamente enraizada na historia, a fe e a identidade da cidade.

Durante a homilía, o bispo convidou a contemplar a cruz non como un símbolo de derrota, senón como a maior expresión do amor de Deus. Fixándose nos brazos abertos do Cristo da Vitoria, lembrou que «non sinalan, nin ameazan, nin afastan», senón que permanecen sempre abertos para acoller, perdoar e comezar de novo. «Os brazos abertos de Cristo son a ponte que Deus tende á humanidade», subliñou, enlazando esta imaxe coa chamada do papa León XIV a ser construtores de pontes alí onde o mundo levanta muros.

Monseñor Antonio Valín trasladou esa invitación á realidade cotiá, animando aos fieis a converterse en instrumentos de esperanza para quen sofre o peso da enfermidade, a soidade, a incerteza ou a falta de horizonte. Tivo tamén presentes ás familias, os mozos, as persoas maiores e os homes e mulleres do mar, lembrando que a fe non pode quedarse unicamente nas celebracións. Neste sentido, explicou que a procesión máis significativa comeza ao regresar á vida diaria, cando cada cristián está chamado a abrir os brazos como Cristo mediante o perdón, o servizo e a proximidade a quen máis o necesita. O bispo concluíu asegurando que «a verdadeira vitoria non foi vencer coa forza; foi vencer co amor», unha vitoria que segue sendo posible cando cada persoa decide vivir co corazón aberto, como Cristo.

A xornada festiva continuará esta tarde, ás 19.30 horas, coa tradicional procesión do Santísimo Cristo da Vitoria, un dos acontecementos relixiosos máis multitudinarios da cidade. A venerada imaxe percorrerá as rúas Real, Berbés, Cánovas del Castillo, Montero Ríos, Concepción Arenal, Colón, Príncipe e Porta do Sol, onde miles de persoas volverán acompañala nunha manifestación pública de fe que forma parte da memoria colectiva de Vigo desde hai séculos.

Quen non poidan participar presencialmente poderán seguir a retransmisión en directo que ofrecerá a Televisión de Galicia (TVG). Deste xeito, a devoción ao Cristo da Vitoria volverá estenderse alén das rúas de Vigo para chegar tamén a milleiros de fogares galegos.

Galería da misa solemne

Misa solemne en honor al Cristo de la Victoria (2026) | © Diocese de Tui-Vigo
« de 21 »

Galería do descendemento

Descendimiento del Cristo de la Victoria (2026) | © Cofradía del Santísimo Cristo de la Victoria
« de 10 »