Con máis de 10 mil seguidores en Instagram, o debuxante e educador Agustín de la Torre, empeñado en traducir con debuxos o Evanxeo ao mundo de hoxe, participará na Asemblea de Catequistas. Baixo o lema «Anunciando que é xerundio», a delegación diocesana de Catequese organiza este encontro o sábado 3 de maio, de 10.30 a 17.00 horas, no colexio Amor de Deus en Vigo.
Agustín da Torre, casado e con dous fillos, é licenciado en Belas Artes, especialización de Conservación e Restauración. Leva máis de 30 anos dedicado á educación e traballando no mundo do debuxo e deseño gráfico, así como no campo da animación. Actualmente, é profesor de Secundaria e Bacharelato no Colexio María Auxiliadora de Sevilla, pero tamén profesor e colaborador da Escola Don Bosco de Tempo Libre.
Recentemente, a delegación de Catequese da diocese de Tui-Vigo publicou un vídeo a través da súa conta de Instagram no que Agustín da Torre convida a asistir ao encontro e, a través dun debuxo, felicita a Pascua a todos os diocesanos e diocesanas, convidándolles a resucitar con Xesús.
A Asemblea de Catequistas ofrece unha oportunidade para compartir experiencias, testemuños, oración e formación entre todos os axentes de pastoral involucrados na catequese que nenos e mozos reciben durante o seu proceso de iniciación cristiá en parroquias e colexios. A inscrición ao encontro é completamente gratuíta e cada participante deberá levar a comida, aínda que despois a delegación de Catequese ofrecerá café e algo doce entre os asistentes. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través da seguinte ligazón.
