O luns 8 de decembro de 2025, ás 17.00 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, administrará o sacramento da Orde Sacerdotal a Miguel Fernandes, na catedral de Santa María de Tui. En xuño deste ano, Miguel recibiu o primeiro grao da Orde Sacerdotal e, desde o mes de setembro, desempeñou diferentes funcións como adscrito ás parroquias Santa María do Porriño, Santa Baia de Atios , San Salvador de Budiño . Santa María de Sanguiñeda , San Rosendo de Torneiros e Santo Estevo de Cans —anexo de Santa Baia de Atios —.
Miguel Ángel Fernandes de Andrade (Maracay, Venezuela, 1977) provén dunha familia numerosa de nove irmáns, cuxos pais de orixe portuguesa emigraron a Venezuela. É licenciado en Contadoría Pública, pola Universidade de Oriente, en Monagas, Venezuela; posteriormente, traballou como funcionario en Pao de Açucar do Grupo Auchan (Portugal). Desde setembro de 2018, tras o seu desexo de ser sacerdote, entra como seminarista no Seminario Maior «San Xosé» de Vigo, onde realizou os estudos de Teoloxía.
O sacramento da Orde, polo que algúns fieis son constituídos en ministros sacros, comprende tres graos: o episcopado, o presbiterado e o diaconado. Miguel entrará a formar parte do presbiterio diocesano, converténdose en colaborador do bispo en diversas tarefas, entre as que cabe destacar aquelas que aínda non tiñan sendo diáconos: a celebración dos sacramentos da Eucaristía, da Reconciliación e a Unción de Enfermos.
Actualmente, segundo últimos datos enviados á Conferencia Episcopal Española, a diocese conta con 165 sacerdotes incardinados e 6 diáconos permanentes que desenvolven a actividade pastoral e sacramental da Igrexa de Tui-Vigo.