Por decreto do bispo da diocese de Tui-Vigo, a capela do Hogar e Clínica San Rafael foi oficialmente recoñecida como lugar xubilar para as persoas con discapacidade durante o Ano Santo 2025, que o papa Francisco convocou baixo o lema «Peregrinos de esperanza». Para inaugurar de maneira oficial este período xubilar, o 30 de abril, o delegado diocesano para o Xubileu 2025, Daniel Goberna, presidiu a eucaristía na capela do centro, á que asistiron persoas usuarias e colaboradores, a comunidade de Irmáns de San Xoán de Deus e representantes doutras entidades de atención á discapacidade da provincia.
Previamente á celebración da misa, produciuse a apertura simbólica da porta da capela do centro. Cun ambiente festivo e cheo de esperanza, bendíxose a porta xubilar, que permanecerá aberta ata o 21 de decembro de 2025, permitindo que persoas con discapacidade poidan recibir os beneficios espirituais do Ano Xubilar.
Indulxencia plenaria
A asistencia á Eucaristía dominical das 11.00 horas na capela de HC San Rafael, xunto á confesión previa, a comuñón e a oración polas intencións do papa, permitirá gañar a indulxencia plenaria. Ademais, celebraranse unha serie de encontros que complementarán a experiencia espiritual e facilitarán a participación de toda a comunidade.
O 27 de maio, terá lugar a celebración Diocesana do Xubileu da Discapacidade; o 29 de setembro, a festa de San Rafael Arcángel e o 21 de decembro, a clausúra do Ano Xubilar.
Tal e como explica o Superior da Orde de San Xoán de Deus en Vigo, o Irmán Rafael Martínez, «sentímonos enormemente orgullosos e profundamente agradecidos polo nomeamento da capela de HC San Rafael como Templo Xubilar para a Discapacidade 2025. É unha honra que recoñece o noso compromiso diario coas persoas máis vulnerables e reforza a nosa misión de servir con amor e esperanza. Animo a todas as persoas, e moi especialmente a quen vive con algunha discapacidade, a que nos visíten e compartan a súa fe connosco».
Con este recoñecemento, a capela de HC San Rafael súmase aos outros tres centros xubilares que a diocese de Tui- Vigo establecera en decembro de 2024 para que aquelas persoas que teñan dificultades para peregrinar a Roma poidan gañar tamén a graza do Xubileu: a catedral de Santa María de Tui, a concatedral-basílica de Santa María de Vigo e o santuario da nosa Señora da Franqueira.

