A Declaración Eclesiástica de Competencia Académica — DECA— é a titulación que capacita para ser profesor/a de Relixión Católica en centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, en Bacharelato ou en centros de Formación Profesional. Trátase dun título que expide a Conferencia Episcopal Española e que, na cidade olívica, pode obterse a través do Instituto Teolóxico San Xosé de Vigo que xa abriu o prazo de matrícula.
A DECA forma parte da programación da aula de Teoloxía para catequistas, profesores, axentes de pastoral e laicos en xeral que ofrece o Instituto Teolóxico, mediante a cal se pretende capacitar e preparar futuros profesores de ensino relixioso escolar para garantir unha formación relixiosa e moral católica de calidade.
Os interesados en obter a DECA poden inscribirse no novo Curso 2021-2022, desde o 13 de setembro e ata o 4 de outubro, a través do correo electrónico itsanxose@diocesetuivigo.org ou a través do teléfono 660 257 548.
As clases impartiranse, de maneira presencial, os luns e os martes en horario de 19:30 a 21:20 horas. O custo da matrícula para o curso completo —12 créditos— é de 360€, mentres que as materias soltas teñen un custo de 30€ por crédito matriculado.
As dezasete materias que se impartirán ao longo de todo o curso agrúpanse en cinco bloques: “Relixión, cultura e valores”, “Mensaxe cristiá”, “A Iglesia, os sacramentos e a moral”, “Pedagoxía xeral e relixiosa” e “Didáctica específica do ensino relixioso escolar”.
Os requisitos académicos para a obtención da DECA variarán en función do ámbito docente: para impartir clase en Educación Infantil e Educación Primaria, deberán dispoñer dalgunha titulación en Estudos Teolóxicos —grao/diplomatura en Estudos Eclesiásticos ou Ciencias Relixiosas— ou en Maxisterio —grao en Educación Infantil e Primaria, así como os títulos equivalentes en Grao—; para a docencia en ESO, Bacharelato ou FP de Grao Medio, será necesario o título en Teoloxía ou Ciencias Relixiosas.
O Instituto Teolóxico San José de Vigo foi inaugurado en outubro de 1959 polo bispo diocesano, frei José López Ortiz, no mesmo ano no que a antiga diocese de Tui convertíase na diocese de Tui-Vigo. No ano 2000, o Instituto afiliouse á Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca e, desde o ano 2013, vén desenvolvendo unha oferta formativa para laicos orientada, principalmente, á obtención da DECA, co obxectivo de prestar un servizo cualificado á acción pastoral da Igrexa nesta diocese de Tui-Vigo e ao conxunto da sociedade.