O mércores 29 de setembro, terá lugar o acto de inauguración do novo curso académico 2021-2022 do Instituto Teolóxico San José de Vigo. O acto comezará ás 11 horas coa concelebración eucarística presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, na capela do Seminario Maior.
A continuación, ás 12 horas, o novo director do Instituto desde o pasado mes de xullo, o sacerdote e doutor en Teoloxía, Guillermo Juan Morado, dará a benvida, inaugurando así o curso académico. Tras o saúdo, o secretario, Juan José González Estévez, lerá a memoria do pasado curso 2020-2021.
Nesta ocasión, a lección inaugural versará sobre «A sacramentalidad o tempo. Cara a unha teoloxía do templo» a cargo do sacerdote diocesano Juan Luís Martínez Lorenzo que, ademais de impartir clases de Antropoloxía Teolóxica e Santísima Trindade como profesor do Instituto, é doutor en Teoloxía, vigairo xeral da diocese de Tui-Vigo e párroco da nosa Señora de Fátima.
Finalmente, haberá unha pequena homenaxe ao sacerdote Juan Diz Migúelez polos anos dedicados ao Seminario Maior e ao Instituto Teolóxico como reitor, cargo que exerceu durante cinco anos ata o pasado mes de agosto.
O Instituto Teolóxico San José de Vigo foi inaugurado en outubro de 1959 polo bispo diocesano, frei José López Ortiz, no mesmo ano no que a antiga diocese de Tui convertíase na diocese de Tui-Vigo. No ano 2000, o Instituto afiliouse á Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca e, desde entón, os estudos ofertados teñen o rango de estudos universitarios a través da Licenciatura en Estudos Eclesiásticos.