José Manuel Gutiérrez chegou ao noso *Programa de Emprego hai aproximadamente un ano e medio. Nacido en Vigo, traballou moitos anos fóra de Galicia pero, por motivos familiares, tivo que deixar o seu traballo e volver á súa cidade natal para coidar durante 8 anos a unha persoa. Agora, aos seus 57 anos, ten que volver retomar a súa vida laboral e, aínda que non é fácil e chegou a Cáritas desmotivado, agora non dubida que, máis pronto que tarde, a súa vida laboral entrará nunha nova dinámica.
Como coñeciches Cáritas e o seu programa de Emprego?
Faloume unha persoa que coñecía de que Cáritas axudaba no tema do emprego e un día dixen: “non teño nada que perder, vou achegarme ata Cáritas e imos ver como é a cousa”. Cando cheguei a Cáritas atendeume unha gran persoa que se chama Dani e explicoume como funcionabamos en Cáritas e derivoume ao programa de emprego.
Que expectativas tiñas cando empezaches a acudir ao programa de emprego?
Eu a verdade é que era moi escéptico, non sabía que esperar, viña totalmente a cegas. Descoñecía que Cáritas se dedicase á inserción laboral de persoas, e no momento que me atendeu a miña traballadora social, María, e empezamos a falar vin un trato humano na persoa que foi bestial. Expliqueille todo o que me pasaba non só no mundo laboral, senón tamén no persoal, e non só me axudaron co laboral senón que tamén me axudaron co persoal, con axudas mentres o necesitei.
Que che achegou persoalmente o participar no programa de emprego?
Pois persoalmente achegoume entender mellor ás persoas. Polo meu traballo eu era moi escéptico coas miñas posibilidades e co resto das persoas. Eu non esperaba que algén fixese nada por ninguén e, en canto cheguei aquí, falei coa miña traballadora social vin un mundo que para min era totalmente diferente ao que eu pensaba.
Despois derivoume ao programa de emprego e co meu orientador laboral empecei a traballar cousas que para min eran totalmente novas. Eu nunca fixera un currículo para presentar nun traballo. Nunca fora a unha entrevista, eu antes falaba coas persoas, utilizaba o boca a boca para conseguir un traballo, entrar, facer o traballo e punto. Non sabía como facer unha entrevista de traballo, como facer un currículo, nin como envialo por e-mail. Entón, en todo iso acompañoume o meu orientador laboral Juan con moitísima paciencia, cousa que lle teño que agradecer, e que me segue axudando hoxe en día.
Despois da túa experiencia de pasar polo programa de emprego de Cáritas, cambiarías algunha cousa para melloralo?
No que a min respecta, para min foi todo moi ben. Que se poida mellorar, eu a verdade non teño coñecementos de orientación laboral, nin son traballador social, eu non podo opinar se se pode mellorar ou non. Eu podo dicir que a experiencia comigo e cara a min, foi moi boa.
Que cambios se produciron na túa vida, no caso de que se produciran, despois de pasar polo programa de emprego?
Pois me vou relacionando máis coas persoas, abríuseme un mundo laboral que eu descoñecía completamente que podía facer.
Xa traballei en dúas empresas. Nunha, dous meses e, noutra, traballo un mes si, un mes non. Rexeitáronme nunha empresa onde o contrato ía ser indefinido por non ter coche, porque era un requisito indispensable, se non xa tería o traballo. Pero teño ilusión e expectativas de que máis pronto que tarde seguro que vou atopar un traballo.
E despois do teu paso polo programa de emprego de Cáritas e ver como che cambiou a túa vida, que lle dirías a unha persoa que está nunha situación parecida á que estabas ti?
Pois eu diríalle que non teña vergoña de achegarse a Cáritas. Que veña, que se informe, que vexan o que lle ofrecen, que vexa como lle tratan. O trato que van atopar aquí pódoche asegurar que non o van a atopar en ningunha institución oficial e a partir de aí que eles mesmos valoren o que lles merece a pena e o que non.
*O Programa de Emprego de Cáritas está cofinanciado polo Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2020-2023 do Fondo Social Europeo.