16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

O Plan Pastoral 2025-2026, un proxecto para responder á vocación de discípulos misioneiros

O Plan Pastoral 2025-2026, un proxecto para responder á vocación de discípulos misioneiros

Onte, 20 de outubro, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, e o vigairo de Pastoral, José Vidal, presentaron, no Seminario Maior «San Xosé», o novo Plan Pastoral para o curso 2025-2026 que, ademais de recoller a programación específica de cada delegación, pretende elaborar unha análise da realidade diocesana actual. Durante a súa intervención, o prelado tudense subliñou que «toda a comunidade diocesana —sacerdotes, vida consagrada e segrares— é convidada a levar adiante a nosa vocación de discípulos misioneiros. Isto obríganos a buscar camiños e iniciativas novas». Así mesmo, convidou a todos os presentes a implicarse nesta ilusionante etapa: «estamos nun momento de cambio na nosa diocese —comentou en relación cos nomeamentos publicados durante as últimas semanas—. Todo isto forma parte dun proxecto no que temos que crer e ao que temos que sumarnos todos e todas».

O sínodo sobre a Sinodalidad, a formación integral —non só intelectual, senón tamén pastoral e espiritual—, a atención aos pobres e o 800 aniversario da catedral de Tui son os catro eixos que o prelado tudense quixo destacar para este novo curso.  Para iso, puxo de manifesto a importancia de «seguir creando e implementando estruturas de comuñón», como os consellos parroquiais ou as unidades pastorais; a necesidade de fomentar os ministerios laicais, para «ser unha Igrexa de portas abertas para todos e todas»; a centralidade da caridade na acción pastoral, constituíndo novos grupos de Cáritas, de atención aos máis necesitados; e potenciando o compromiso diocesano ao redor da efeméride do templo catedralicio, Igrexa nai da diocese.

Pola súa banda, o vigairo de Pastoral, José Vidal, explicou que, para levar a cabo esa análise da realidade que centra o Plan Pastoral 2025-2026, elaboráronse oito cuestionarios anónimos para diferentes grupos de persoas —parroquias, sacerdotes, axentes de pastoral, fieis e persoas non practicantes, que sexan ou non crentes—. Estas enquisas divídense en tres bloques: o primeiro, busca solicitar información obxectiva das diferentes parroquias, congregacións de vida consagrada e movementos ou asociacións laicais; o segundo, pretende colleitar datos de carácter subxectivo de sacerdotes, relixiosos e relixiosas e axentes de pastoral —aquelas persoas con algún tipo de compromiso ou responsabilidade na comunidade parroquial-diocesana, nalgún grupo, movemento ou asociación—; e, finalmente, quérese recompilar información dos fieis en xeral, persoas non practicantes —crentes ou non—, que poden ofrecer unha mirada externa da realidade eclesial.

Os cuestionarios poderán cumprimentarse on-line —a través da web diocesana— ou en papel enviándoos por correo postal ou e-mail. As persoas interesadas en facelo pola vía telemática poderán facelo a partir do 1 de novembro de 2025. No caso dos tres primeiros cuestionarios sobre información obxectiva, o prazo para enviar a resposta finaliza o 21 de decembro de 2026; no que se refire ao resto de enquisas, deben cumprimentarse antes do 28 de febreiro de 2026.

As presentacións por diferentes zonas do territorio diocesano continuarán ata o vindeiro xoves 30 de outubro:

  • Martes 21 de outubro, ás 20.30 horas, no salón parroquial de Santiago de Redondela
  • Xoves 23 de outubro, ás 20.30 horas, no salón parroquial de Santa María do Porriño.
  • Luns 27 de outubro, ás 20.00 horas, no Seminario Menor «San Paio » en Tui.
  • Martes 28 de outubro, ás 20.00 horas, en convento de San Diego de Canedo, en Ponteareas.
  • Xoves 30 de outubro, ás 20.00 horas, na Gardería San Xosé de Borreiros, das Misioneiras de María Mediadora.

Tanto o bispo de Tui-Vigo, como o vigairo de Pastoral, concluíron o acto reiterando a necesaria colaboración de todos e todas para poder levar a cabo a análise da realidade socio-relixiosa actual da diocese.  Os resultados serán presentados en maio ante o Consello diocesano de Pastoral, para poder desenvolver novas accións que se adapten á situación real que vive esta Igrexa particular.

Presentación del Plan Pastoral 2025-2026 en Vigo | © Diocese de Tui-Vigo
« de 7 »