12 de Abril de 2026,
San Julio I

O presidente nacional de Vida Ascendente visitou a diocese de Tui-Vigo

O presidente nacional de Vida Ascendente visitou a diocese de Tui-Vigo

O martes 27 de maio, no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo, o presidente nacional de Vida Ascendente, Jaime Tamarit, reuniuse coa comisión xestora, os animadores e algúns membros dos distintos grupos parroquiais da diocese de Tui-Vigo. Neste encontro, tamén estiveron presentes a secretaria nacional, Mercedes Montolla; a coordinadora para Galicia e presidenta de Santiago de Compostela, Chari Coroa; e o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín.

Durante a semana do 26 ao 30 de maio, tanto o presidente como a secretaria nacional de Vida Ascendente percorreron as cinco dioceses galegas para coñecer e visitar aos diferentes grupos de Vida Ascendente de Galicia. O encontro na cidade olívica ofreceu unha oportunidade de escoita e diálogo cos coordinadores nacionais.

Marisa Vidal, responsable de Vida Ascendente da diocese de Tui-Vigo, expresou que foi «unha xornada chea de alegría e confraternidade no Señor», na que os diferentes membros do movemento puideron expoñer as súas inquietudes e a súa experiencia nos diferentes grupos de traballo. Ademais, tamén avanzou que a diocese de Tui-Vigo será a encargada de acoller o encontro interdiocesano de Vida Ascendente de Galicia, o próximo 17 de xuño.

Vida Ascendente é un movemento laical de persoas xubiladas e maiores, recoñecido pola Conferencia Episcopal Española. A través das reunións en pequenos grupos de traballo e oración, o movemento axuda ás persoas para crecer na fe, fomentar a amizade e ser membros activos da Igrexa e da sociedade.