Desde a época monástica o Santuario da Franqueira ven celebrar, como é tradicional, a Romaría das Pascuillas. Ven sendo esta unha manifestación de fe e devoción que recibe, no fogar da Nai de Deus e convoca en oración nun Cenáculo de séculos aos discípulos que viven con ledicia os dons recibidos do espírito santo en Pentecostes. O día, proclamado polo Papa Francisco, de feliz memoria, coa festividade da virxe María, nai da Igrexa, atopa neste lugar o seu simbolismo máis auténtico, facendo visible a través da piedade popular o senso do que significa vivir como Igrexa en camiño.
65 imaxes viñeron portadas polos fieis das súas parroquias, o que converte a Romaría na maior concentración de imaxes do mundo rural galego. Facer o camiño non so é saír e chegar, senón que ven dado por un labor de preparación e dunha carga emotiva da herdanza recibida polos maiores. Unha preparación que leva meses ilusionando as parroquias. Saír e camiñar facendo camiño xuntos, rezando e facendo parroquia, sabendo que a meta é a imaxe da no sa señora que permanece no seu carro procesional, signo dunha encarnación da nosa identidade máis fonda. Facer xuntos a subida, dura e nada doada, que a moitas parroquias pequenas amosa o descenso da poboación, pero que, como unha piña son axudados polos máis novos recibindo o compromiso de que non podemos fallarlle aos nosos. Ser Igrexa leva consigo a corresponsabilidade dun labor comunitario.


Acollernos no camiño. Ao longo da peregrinación as comitivas vanse atopando e realízanse os rituais de saúdos, cortesías ou reverencias coa cruz, o pendón, estandarte e a imaxe. Todos somos respectados e ninguén queda sen o saúdo alegre e festivo. Atoparse no camiño fai que ninguén quede atrás, senón que, como Igrexa, nos identificamos no mesmo labor. A gratuidade e a colaboración mutua rescata nunha sociedade individualista e competitiva que o importante é que todos cheguemos a meta.
A Eucaristía, presidida polo polo bispo don Antonio Valín, pastor de todas estas parroquias e concelebrada polos párrocos, ven a ser unha vez máis a fonte e o cumio dun pobo que celebra a fe. Este ano realizou a ofrenda a parroquia de San Martiño de Barcia de Mera. Ven sendo tradición que, realizada a sementeira, poñamos aos pes da virxe María os froitos da terra. Como unha metáfora dos froitos que esperamos que vaian medrando na nosa vida polo impulso de Espírito. Froitos que se traducen en paz e harmonía, en ledicia e festa, en fraternidade e caridade. Sempre se ten unha lembranza especial para os pobres, e este ano realizouse a recollida do esmoleiro aos pes da virxe no Outeiro para destinala a Cáritas Xerusalén, unindo así a nosa oración pola paz e a entrega polos que sofren as consecuencias das guerras. Foron preto de 5.000 comuñóns as que se distribuíron nas celebracións do día, e que nos fai unha idea da magnitude desta romaría.


A gran procesión ata o santuario é signo de que estamos máis unidos, despois de celebrar a Misa, e dispostos a volver levando unha mensaxe de amor e vitalidade. Regresar, entrando ao longo da tarde a despedirse da patroa proclamando, «adeus Virxe da Franqueira» é un desexo de que non marchamos pois os corazóns quedan máis amarrados que nunca á nosa naiciña, divina fonte de grazas, onde viñemos saciar a sede de comuñón e amor.
Volven a casa os romeiros, moitos acompañados polo resoar na alma das coplas cantadas e dicindo co corazón cheo de bágoas de ledicia que para o ano estaremos onda ela.
A Romaría comeza no amencer e remata no solpor chegando, cansos pero contentos, ao fogar das nosas parroquias e mirando os rostros das imaxes peregrinas e pensando, a nosa santiña tamén mirou con agarimo a quen foi e aos que volvemos.


Non quero rematar este relato sen esquecerme das moitas e moi entregadas persoas que se comprometen e se entregan por amor a que todo saia ven. Moito traballo para que as cousas funcionen. Tamén un recordo á parroquia de Guillade que tivo que vivir a dureza do falecemento do seu veciño Leo no camiño de subida. DEP. E os agradecementos ás autoridades civís que fan posible o orde e os corpos de seguridade, así como os sanitarios.
Ata o ano
Javier Alonso Docampo, párroco de Santa María de A Franqueira




