O luns 30 de setembro, ás 12.00 horas, a catedral de Santiago de Compostela acolle a eucaristía de inicio de curso do Seminario Maior Interdiocesano (SMI) de Galicia, que está constituído polas dioceses galegas de Mondoñedo-Ferrol, Santiago e Tui-Vigo. Nunha carta enviada aos sacerdotes, os bispos expresan que «os nosos seminaristas e todo o equipo formativo necesitan o noso apoio nesta nova etapa», así subliñan que «todo o noso presbiterio está chamado a sentir o S.M.I. como o seu seminario».
Tras a celebración da eucaristía, ofrécese a todos os asistentes a posibilidade de participar nun xantar no mosteiro de San Martín Pinario. A continuación, quen o desexe poderá visitar a exposición «Hospitalitas» das Idades do Home.
Ás 19.00 horas, na aula magna do Instituto Teolóxico Compostelán, dará comezo o acto académico de inauguración, que contará co relatorio «Homo capax Dei, homo capax communionis. A fe cristiá como existencia eclesial», impartida polo profesor Ángel Carnicero. Finalmente, tras as intervencións do director do Instituto Teolóxico Compostelán, José Antonio Castro Lodeiro, e do director do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas, Miguel da Mata Merayo, o arcebispo compostelán, Mons. Francisco José Prieto, pechará o acto e declarará inaugurado o novo curso.
O pasado mes de maio, os bispos de Mondoñedo-Ferrol, Santiago de Compostela e Tui-Vigo daban a coñecer a institución dun Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago» de Galicia. Na actualidade, o SMI conta con 23 seminaristas, procedentes das xa citadas dioceses galegas, que son atendidos por tres formador pertencentes a esas dioceses.