19 de Febreiro de 2026,
Beato Álvaro de Córdoba

O Seminario Maior de Vigo acolle a vixilia da Inmaculada para a mocidade

O Seminario Maior de Vigo acolle a vixilia da Inmaculada para a mocidade

Con motivo da solemnidade da Inmaculada Concepción, o domingo 7 de decembro, a as 19.00 horasa capela do Seminario Maior «San Xosé» en Vigo acolle a vixilia diocesana para a mocidade que organiza a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria de Tui-Vigo e que estará presidida polo bispo, Mons. Antonio Valín. Ao termo da misa, haberá un intre de adoración eucarística seguindo o esquema que a delegación desenvolve durante a Oración Xoven, cada mércores, no templo parroquial do Corazón de María, onde se reúnen semanalmente ao redor de medio centenar de mozos de distintas idades.

Previamente, ás 18.00 horas, a delegación organiza un intre de convivencia fraterna para adolescentes, mozos e mozas, que organizarán os equipos de Life  Teen e Alpha.

A través de actividades deste tipo, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo busca crear espazos de encontro para conectar aos mozos e mozas que participan da vida da Igrexa en calquera punto da xeografía diocesana, de modo que poidan coñecer diferentes realidades para continuar crecendo e profundando na fe, xunto a outra mocidade. Desde hai anos, tamén ofrecen espazos de formación, acompañamento e nova evanxelización como o curso Alpha ou «Unha luz na noite», para que poidan aprender falar da fe a outros coma eles.