O bispo de Tui-Vigo e promotor do Stella Maris en España presidiu a Ofrenda do mar no Templo Votivo de Panxón, unha homenaxe de fe e devoción que, cada ano, realizan as catro mariñas —a armada, a mercante, a frota pesqueira e a deportiva— á virxe do Carme.
Nesta ocasión, o Centro Stella Maris de Atención ao Mariño escolleu a Edelmiro Ulloa, novo xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), como oferente en representación de toda a frota pesqueira á que correspondía facer a ofrenda neste ano marcado pola Covid-19. Durante a súa intervención, Edelmiro Ulloa agradeceu á Virxe a súa presenza como “luz permanente e guía a porto para os nosos mariños, alegría no reencontro dos nosos e apoio na súa ausencia, a súa compañía na soidade que conleva ás veces a vida abordo, consolo para os que sofren a amargura da perda definitiva”.
Como é habitual, o bispo Mons. Luís Quinteiro Fiuza respondeu á ofrenda realizada exhortando a todos os fieis a poñer en valor, tanto social como espiritualmente, o mundo do mar que, como explicou o bispo promotor de Stella Maris en España, “ten unha importancia decisiva na nosa vida laboral, económica e social. A pesca configura sociedades que teñen unha forza incrible nos seus costumes e tradicións, nas súas crenzas e na súa solidariedade, converténdose nun exemplo para toda a sociedade”.
Finalmente, tras a celebración da eucaristía e un breve momento de adoración, Mons. Luís Quinteiro bendixo os mares desde a porta do templo co Santísimo, que percorreu as naves estando os fieis sentados nos seus lugares para cumprir, así, as recomendacións da Vigairía de Pastoral para os lugares de culto. Como non podía ser doutro xeito, o acto terminou co canto de Sálvea mariñeira á virxe do Carme.
A Ofrenda do mar que se celebra en Panxón desde o ano 1939 converteuse nunha oportunidade para revalorizar o papel dos mariñeiros e visibilizar os graves problemas que afectan as súas familias. A Igrexa universal reforza a conmemoración co «Día das xentes do mar» que terá lugar este venres, 16 de xullo, coincidindo coa festa da patroa dos mariñeiros, a virxe do Carme.
O acto foi retransmitido en streaming a través da canle de YouTube da diocese de Tui-Vigo e está dispoñible na seguinte ligazón para quen desexe velo.