Ramiro José Gómez, comisario da Policía Nacional de Vigo-Redondela, portará o estandarte da confraría.
O xoves 4 de xullo, varios membros da directiva da Confraría do Santísimo Cristo da Vitoria encabezados pola súa presidenta, Marora Martín-Caloto, reuníronse co alcalde da cidade, Abel Caballero, para concretar distintas cuestións ao redor da festividade do Santísimo Cristo da Vitoria. Así, transmitiron o seu desexo de que a lectura do pregón do día 3 de agosto, ás 12:30 horas no Pazo de Castrelos , sexa encomendada a Manuel Orío Ávila, fundador de Atlántico Diario. Pola súa banda, Ramiro José Gómez García, Comisario da Policía Nacional de Vigo-Redondela, portará o estandarte do Cristo da Vitoria, coincidindo coa conmemoración do segundo centenario de servizo do Corpo ao noso país.
Por outra banda, tamén se deu a coñecer o nome do predicador convidado deste ano, o Excmo. e Rvdmo. Sr. D. Julián Barrio, arcebispo emérito de Santiago de Compostela.
No transcurso da reunión, concretáronse ademais diversos puntos acerca da procesión do Cristo da Vitoria e os actos que a rodean. O percorrido da Procesión será o dos últimos anos: Rúa Real, Berbés, Cánovas del Castillo, Montero Ríos, Concepción Arenal, Colón, Príncipe e Porta do Sol.
A presidenta da Confraría destacou a «colaboración total e o interese para que todo transcorra perfectamente» mostrado polo Concello, que colaborará de novo coa Confraría nos gastos, incluíndo a instalación dunha pantalla que se situará nas inmediacións da Concatedral a través da que se poderá seguir o descendemento da imaxe o sábado 3 de agosto a partir das 20.30 horas e as misas do día da festividade, desde primeiras horas ata a saída en procesión. Así mesmo, a Alcaldía mostrou a súa disposición para facilitar que o descendemento do Santísimo e os actos do día posterior sexan retransmitidos en streaming a través distintos sitios web, entre eles, a páxina web da Confraría, www.cristodevigo.es