16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

Obituario: D. Ernesto Pazos Chaves

Obituario: D. Ernesto Pazos Chaves
D. Ernesto Pazos Chaves (1933 - 2026)

Na Residencia Sacerdotal «Nosa Señora da Guía» faleceu o día 9 de febreiro aos 92 anos de idade e 66 de ministerio presbiteral, D. Ernesto Pazos Chaves.

D. Ernesto naceu en Vilariño en 1933, fillo de Xosé e Encarnación. Realizou os estudos eclesiásticos no Seminario de Tui. Recibiu a ordenación sacerdotal en Vigo, no mosteiro da Visitación de Sta. María (Salesas) en xuño de 1959. O seu ministerio sacerdotal o comezou como coadxutor e ecónomo das parroquias do Viso, Ventosela e Redondela (1959-1962). No verán de 1959 sendo ecónomo de Ventosela, D. Ernesto acompañou e preparou a documentación necesaria para que o hoxe arquiveiro e canónigo da Catedral, D. Avelino Bouzón Gallego, poidese ingresar ese mesmo verán ao Seminario de Tui.

Falar de D. Ernesto é falar de Tebra. Trala súa etapa en Redondela, en 1962 foi destinado a San Salvador de Tebra como encargado e a Santa María de Tebra como ecónomo. Uns poucos anos despois asumirá, a parroquia de S. Benito de Vilameán. En 1988 é nomeado párroco destas tres parroquias da zona de Tomiño.

D. Ernesto ofreceu e exerceu o seu ministerio sacerdotal durante máis de 60 anos en Tebra e arredores. Foi un sacerdote entregado e servicial cos seus fregueses. Mostra da gratitude dos seus fregueses cara el, foi a Eucaristía de acción de grazas, que se celebrou en Santa María de Tebra con motivo das súas Vodas de Ouro Sacerdotais, no verán de 2009. Ese día a igrexa parroquial resultou pequena para acoller a todos os asistentes, mentras que no banquete que a continuación se realizou, participaron cerca de 500 comensais. Unha mostra de agarimo e gratitude, cara un pastor solícito e entregado.

¡Descanse en paz D. Ernesto!

Alberto Montes Rajoy

Delegado de Medios de Tui-Vigo