20 de Abril de 2026,
Santa Inés de Montepulciano

Obituario : D. José Luis Portela Trigo

Obituario : D. José Luis Portela Trigo
D. José Luis Portela (foto de Xoan Carlos Gil)

Na madrugada do martes 7 de abril, martes da Oitava de Pascua, faleceu en Vigo, á idade de 83 anos, D. Jose Luis Portela Trigo párroco de S. Martiño e S. Campio de Figueiró, Santiago de Estás e S. Pedro de Forcadela.

D. José Luis naceu en Salcidos no verán de 1942. O 29 de xuño de 1969, solemnidade de S. Pedro e S. Pablo, foi ordenado sacerdote na cidade de Vigo. Ás poucas semanas de recibir a ordenación foi nomeado ecónomo das parroquias de S. Campio de Figueiró e Santiago de Estás. Un ano máis tarde faríase cargo tamén de S. Pedro de Forcadela. Ao longo de máis de 55 anos D. José Luis, gastou con magnanimidade a súa vida sacerdotal a cargo destas parroquias. Anos máis tarde – en xaneiro de 2022- será nomeado administrador parroquial de S. Vicente de Barrantes e Sta. María de Pinzás.

Ao longo do seu ministerio sacerdotal moitas e diversas foron as encomendas pastorais que D. José Luis afrontou con entusiasmo e alegría: Profesor de relixión, párroco, ecónomo diocesano, arcipreste, cóengo fabriquero da Santa Igrexa Catedral…

Talvez, entre todas elas, temos que destacar o seu servizo á curia diocesana ao longo de 40 anos. 30 destes 40 anos “no Paraíso de Teis” como el adoitaba chamar ás oficinas do bispado situado en Dr. Corbal. Na Curia e na Diocese D. José Luis será lembrado con admiración e gratitude, entre moitas outras cousas, por confeccionar o Catálogo de Bens Inmobles e posteriormente o de Mobles da nosa Diocese.

Traballo ímprobo que comezou en decembro de 1978 e levoulle a percorrer durante máis de 20 meses, cada recuncho da Diocese para confeccionar o primeiro Catálogo diocesano de Bens e Inmobles de Galicia. Isto supúxolle xornadas maratonianas de moito coche, pouca comida e escaso soño para que despois de 96200 kms -máis de dúas veces a circunferencia da terra- a Diocese tivese situadas, ordenadas e catalogadas as súas propiedades.

D. José Luis alén dun traballador nato, foi «un obreiro entregado na viña do Señor». E se ben é certo que os Bens Inmobles da Diocese son importantes, as almas sono moito máis.

Así o testemuña o desvelo polas súas parroquias e a atención ao Santuario de S. Campio de Lonxe. Un recinto único e singular, ao cal as persoas se achegan “ para buscar a paz da alma, a axuda do ceo e a escoita do confesor» como sempre adoitaba repetir D. José Luis.

Neste ano que celebramos 800 anos da Dedicación da Catedral de Tui, damos grazas a Deus e elevamos a nosa súplica confiada a María Asunta aos Ceos polo eterno descanso de D. José Luis, quen talvez por “defecto profesional” estará a buscar unha boa parcela xunto ao Señor.

Alberto Montes

Delegado de Medios de Comunicación